Saltar ao contido principal
Xornal

A catedrática María José Alonso, presidenta electa da Controlled Release Society

Actualizada: 21-07-2017 09:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de María José Alonso no seu laboratorio

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso foi elixida presidenta da Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. A nominación e elección da profesora Alonso tivo en conta a súa sobresaliente traxectoria da docente da USC así como o seu prolongando compromiso coa CRS. Este é o terceiro gran recoñecemento que suma a catedrática en menos dun ano, tras ter sido elixida membro da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixioso ‘ College of Fellows’ do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) de Estados Unidos.

O laboratorio de María José Alonso ten liderado numerosos descubrimentos no campo da Tecnoloxía Nanofarmacéutica. Ademais, a profesora Alonso coordinou varios consorcios de investigación internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en sete proxectos internacional, cinco deles financiados pola Comisión Europea.

É autora de 240 publicacións científicas con máis de 13.000 citas (factor h 67) e inventora de 20 familias de patentes. A calidade do seus traballos levouna a situarse entre os dez investigadores máis importantes do mundo en Farmacoloxía, segundo o ránking internacional Times Higher Education en 2010, sendo a investigadora española máis influínte en Farmacia e Farmacoloxía, de acordo co ránking do índice h.

Pertence ao consello editorial de once revistas científicas e foi asesora do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para a elaboración da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación de 2011, ademais de formar parte do consello asesor do Ministerio de Sanidade. Entre 2006 e 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC.

Ao longo da súa carreira leva recibidos numerosos premios, entre os que destacan o premio Jaume I de Novas Tecnoloxías, o premio Maurice Marie Janot, o premio Nóvoa Santos e o María Josefa Wonenburger. É membro de tres academias en España: a Real Academia Nacional de Farmacia, a Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia, ademais da pertencer á Academia de Medicina de Estados Unidos.

Vinculación con la CRS
A profesora Alonso desempeñou cargos de responsabilidade en varias sociedades científicas, entre elas a CRS. A súa primeira contribución a esta última sociedade foi como fundadora da sección Hispano-Portuguesa da organización (1994), máis tarde como asesora científica (1995-98 e 2012) e, dende 2013, como membro da xunta directiva e como secretaria en 2016.

Con sede en Minnesota e máis de mil membros asociados, a Controlled Release Society é unha organización internacional cuxo primeiro obxectivo é “promover o avance na ciencia e tecnoloxía e liberación de moléculas activas para solucionar retos globais”. Neste senso, como sociedade líder a nivel mundial neste campo, reúne científicos, enxeñeiros, médicos e profesionais técnicos nunha rede multidisciplinar orientada a ampliar o coñecemento nesta materia.