Saltar ao contido principal
Xornal

O ex director xeral da Unesco Federico Mayor Zaragoza clausura o curso de verán sobre igualdade xénero e mediación

Actualizada: 20-07-2017 20:20
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Juan Viaño e Federico Mayor Zaragoza na sesión de clausura. Foto: Santi Alvite

O ex director xeral da Unesco e presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, clausurou este xoves 20 na Facultade de Dereito o curso de verán ‘Igualdade de xénero e mediación: unha oportunidade por explorar?’. A conferencia de Mayor Zaragoza, titulada ‘Da forza á palabra, a gran transición’, estivo precedida pola presentación realizada polo reitor Juan Viaño quen, en alusión ao curso de verán, afirmou que a mediación tense convertido nunha ferramenta de interese para apoiar a administración de Xustiza,  “unha metodoloxía alternativa para afrontar conflitos que desborda, con creces, o estritamente xurídico, pero que ten amosado a súa eficacia en distintos ámbitos”.

O reitor salientou o importante labor do Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da USC, tanto no ámbito formativo como no investigador en materia de mediación pola súa transcendencia para a transmisión de coñecemento. Esta transmisión dixo “tórnase fundamental, se cabe, ao axudar a construír valores; a construír unha convivencia cotiá, democrática e comprometida coas procesos de cambio e transformación social”.

Pola súa banda, o conferenciante retratou o momento actual dende o punto de vista das relacións de poder nos distintos estratos que conforman a realidade social, dende a esfera do individual ata a do grupo máis extenso. Reivindicou a pertinencia de determinados fitos contemporáneos como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou o Plan Mundial para a Educación en Dereitos Humanos e Democracia, así como as crenzas e a convivencia pacífica. Tampouco deixou de aludir ás posibilidades asociadas á implantación da tecnoloxía dixital na vida cotiá por posibilitar o acceso á información sobre o que acontece e por poñer en valor a capacidade de expresarse sen limitacións.

As palabras de Mayor Zaragoza serviron tamén para facer unha chamada á acción, non como espectadores impasibles senón como actores no desenvolvemento da cultura de paz e non violencia, no contexto da resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de decembro de 2016. Considera o presidente da Fundación Cultura de Paz que a sociedade actual se atopa nunha época de procesos potencialmente irreversibles.

A partir dunha reflexión sobre o que é a mediación, entre as cuestións que se abordaron no programa figuran cuestións como a incorporación desta cuestión ao ámbito educativo, a mediación como forma de prevención e intervención fronte casos de bullying con motivación sexista, a mediación en contextos organizacionais, contra discriminación da muller e como ferramenta contra a desigualdade de xénero no ámbito laboral. Para pechar o curso acolleu unha mesa sobre novos discursos penais para facer fronte á violencia contra as mulleres.

 

Outras imaxes


A xornada de clausura celebrouse na Facultade de Dereito, sede do curso. Foto: Santi Alvite