Saltar ao contido principal
Xornal  »  Estudantes de distintas nacionalidades reuníronse esta semana en dúas escolas de intelixencia artificial desenvolvidas no CiTIUS

Estudantes de distintas nacionalidades reuníronse esta semana en dúas escolas de intelixencia artificial desenvolvidas no CiTIUS

Actualizada: 21-07-2017 12:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A USC converteuse esta semana no epicentro da formación en Intelixencia Artificial coa organización simultánea das escolas de verán SFLA e EVIA no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS).

A terceira Escola de Verán Internacional en Lóxica Borrosa e Aplicacións (SFLA 2017) contou coa participación de recoñecidas figuras da área. Promovido pola European Society for Fuzzy Logic and Technologies (EUSFLAT), o encontro fomentou a participación en sesións de debate con algúns dos máis reputados expertos en intelixencia artificial, nun intercambio fluído destinado a promover o intercambio de coñecemento entre persoal científico. Ademais, a organización de SFLA 2017 promoveu entre os participantes o concurso ‘YTD: Your Thesis in a Dram’ (A túa tese nun grolo), unha competición á que concorreron oito doutorandos e na que o fin principal era defender ante a audiencias os principais obxectivos do seu traballo de doutoramento nun máximo de 3 minutos. Os dous premios, patrocinados polas empresas tecnolóxicas Vodafone e Accenture, entregaranse este venres no acto de clausura da escola.

Pola súa banda, a Escola de Verán en Intelixencia Artificial EVIA celebrouse a súa terceira edición entre o martes e o xoves. De carácter nacional, o encontro promóveo a Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), constituíndose  como un foro único para estudantes de grupos de investigación de IA en España. O seu obxectivo fundamental é construír relacións de cooperación científica desde o comezo das súas carreiras, incentivando un ambiente amigable e creativo que favoreza a comunicación, tanto entre o alumnado da escola como cara aos relatores que asumiron as funcións de docencia durante EVIA 2017. Ambas escolas contaron co apoio de dúas redes de investigación nacionais en Lóxica Difusa e Big Data e o patrocinio das empresas Vodafone e Accenture.