Saltar ao contido principal
Xornal

Un concerto conmemorativo clausura a trixésima edición dos cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’

Actualizada: 24-07-2017 13:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O alumnado desta edición proviña dunha vintena de países de Europa, América, Asia e Oceanía. Foto: Servimav-USC

Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ pecharon a súa edición 2017 cun acto este luns 24 no Paraninfo da Universidade. O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) colabora na organización deste curso que na actualidade organiza a Real Academia Galega co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaria Xeral de Política Lingüística. No acto celebráronse tamén os trinta anos de vida deste programa iniciado en 1988 polo propio Instituto da Lingua Galega. A esta efeméride referiuse o reitor Juan Viaño na clausura salientando que os “homes e mulleres do ILG eran daquela auténticos pioneiros e pioneiras, visionarios e visionarias da importancia que para a nosa lingua ten o feito de estar presente nos espazos internacionais da docencia e investigación”.

A clausura tivo como convidado especial un dos alumnos das primeiras edicións, o profesor xaponés Takekazu Asaka, embaixador da cultura galega no seu país, que presentou o concerto conmemorativo a cargo da soprano Miho Haga e do pianista Yukiko Yamagami, que interpretaron poemas de autores galegos e cancións populares. Takekazu Asaka interveu xunto ao reitor Juan Viaño; o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes; o académico e co director dos cursos Xosé Luís Regueira; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o secretario do ILG, Francisco Dubert.

O reitor agradeceu que Xunta de Galicia e Real Academia Galega “porfillaran como seu o curso de lingua e cultura galega” poñendo en valor deste xeito a “tarefa da creación dunha imaxe positiva da nosa lingua e cultura no exterior, así como da divulgación no nivel internacional dos nosos recursos lingüísticos e culturais”. Na actualidade, este curso “pode cualificarse como un grande éxito tanto pola súa demanda, que supera con amplitude as posibilidades da oferta, como pola diversidade de perfís humanos aos que atrae, persoas de lugares máis ou menos afastados de nós en canto á distancia e porén próximas á nosa paisaxe humana e afectiva”, engadiu o reitor.

“Hai quen ve as linguas e o patrimonio cultural como algo que hai que conservar como nos museos, pensando no que perdemos, pero hai outra maneira de pensar: que as linguas son proxectos de futuro, que se transforman e se enriquecen, e que temos que construír todos os días”, sinalou o presidente da RAG, Víctor Freixanes. “Os galegos e os que, coma vós, sodes galegos porque queredes, e iso é impagable” afirmou.

Pola súa banda, o codirector dos cursos e membro de número da RAG Xosé Luís Regueira foi un dos profesores daquela primeira edición de 1988. Tres décadas despois, pode dicir que aquela foi unha das súas “mellores experiencias como docente” polo propio perfil do alumnado que sempre atrae. “Xa é un tópico dicir que sodes os nosos mellores embaixadores, pero sodes algo máis importante, os nosos amigos e amigas, unha familia arredor da nosa lingua. Levades convosco un cachiño de Galicia, un fragmento de parte, talvez, do mellor que temos, a nosa lingua e a nosa cultura”, expresou o profesor Regueira, quen agradeceu o traballo de todo o profesorado, conferenciantes e todo o persoal das institucións que colaboraron na celebración desta edición.

O secretario do ILG, Francisco Dubert, incidiu na mesma liña na importancia destes cursos para a proxección internacional do galego, xa que moitos dos seus estudantes son quen despois imparten clases de lingua e literatura galegas no exterior ou traducen aos seus idiomas os escritores e escritoras galegos. Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou igualmente o valor do labor que desenvolve o alumnado dos cursos de regreso nos seus países. “O galego hoxe en día tamén necesita de xente coma vós, que axudades na súa proxección no exterior”, destacou.

No acto entregáronselle os seus diplomas ás máis de 80 persoas procedentes dunha vintena de países de Europa, América, Asia e Oceanía que participan nesta edición. Dende a súa creación en 1988, polos cursos pasaron máis de 2.600 estudantes de todo o mundo. Nas súas aulas aprenderon galego moitas das persoas que hoxe verten a outros idiomas a literatura e referentes nos estudos galegos a nivel internacional como é o propio Takakazu Asaka, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das letras galegas.


Outras imaxes


De esquerda a dereita, Francisco Dubert, Víctor Freixanes, Juan Viaño, Valentín García e Xosé Luís Regueira. Foto: Servimav-USC

A sesión tivo como acto central un concerto conmemorativo a cargo da soprano Miho Haga e do pianista Yukiko Yamagami, que interpretaron poemas de autores galegos e cancións populares. Foto: Servimav-USC