Saltar ao contido principal
Xornal

Unha tese achega unha metodoloxía para coñecer o tamaño de telescopio necesario para resolver binarias espectroscópicas

Optimizaríanse así as campañas de observación en grandes instalacións

Actualizada: 03-08-2017 14:15
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Ahmad Ali Abushattal, á dereita, con membros do tribunal e co director da tese

As estrelas dobres adoitan clasificarse en visuais, espectroscópicas e eclipsantes, segundo a técnica utilizada para o seu descubrimento e posterior estudo. As primeiras son desdobradas mediante métodos ópticos e das súas órbitas dedúcese a suma das masas das compoñentes. Pola súa banda, as espectroscópicas, ao estar en xeral moi pechadas, só se poden estudar a través do seu espectro electromagnético, e de acordo co efecto Doppler-Fizeau nos proporcionan a súas velocidades radiais. As súas órbitas poden proporcionar  a relación de masas das compoñentes. Finalmente, as eclipsantes investíganse mediante fotometría.

Iso quere dicir que se para unha mesma estrela dobre se pode calcular á vez a súa órbita como visual e como espectroscópica, non só se determinan as masas das dúas estrelas por separado senón que se  chega a obter unha medida moi precisa da súa distancia a nós, “o que entre outras cousas serve para chequear os resultados das sondas espaciais neste senso”, explica o doutor Ahmad Ali Abushattal, que acaba de defender en Matemáticas a súa tese con novas e importantes achegas ao estudo das estrelas dobres.

Tanto as masas estelares como a distancia son parámetros fundamentais en astronomía, sendo as estrelas sobres unha fonte indispensable de información de ambos os dous. Tal como demostra Abushattal na tese, mediante a modelización das binarias espectroscópicas pode chegarse a establecer a órbita aparente máis probable da estrela e de aí a separación angular entre as compoñentes, “deducíndose por tanto o diámetro do telescopio que se necesita en cada caso para resolvelas opticamente” e optimizando así as campañas de observación en grandes instalacións.

A tese ‘The modeling of the physical and dynamical properties of spectroscopic binaries with an orbit’ realizouse no Observatorio Astronómico Ramón María Aller baixo a dirección do profesor José Ángel Docobo Durántez.