Saltar ao contido principal
Xornal  »  Amplíase ata o 4 de setembro o prazo para presentar solicitudes ao programa ‘Acelerador de Transferencia’ da AVTE

Amplíase ata o 4 de setembro o prazo para presentar solicitudes ao programa ‘Acelerador de Transferencia’ da AVTE

É unha iniciativa que apoia a maduración de resultados de grupos de investigación de calquera área para a súa transferencia á contorna social e económica

Actualizada: 03-08-2017 14:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC amplía ata o 4 de setembro o prazo de presentación de solicitudes á nova edición do programa ‘ Acelerador de Transferencia’, unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar a transferencia de resultados de investigación xerados polos grupos de investigación da USC ao mercado.

O cometido do ‘Acelerador de Transferencia’ pasa por avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia á contorna social e económica seguindo a práctica doutros referentes nacionais e internacionais. Trátase dun programa aberto á participación dos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia.

Terán máis posibilidade de ser elixibles polo Acelerador de Transferencia aqueles proxectos que identifiquen claramente a fenda existente entre un resultados investigador e o seu mercado potencial; os que garantan un cambio de estado co desenvolvemento do proxecto; e aqueles que teñan o compromiso dunha empresa para que, no caso de acadar resultados satisfactorios , continúe co proceso de desenvolvemento do produto e/ou de comercialización.

Os proxectos elixidos contarán dende o primeiro momento co asesoramento de persoal técnico da AVTE, ademais de ter acceso a financiamento (entre 10.000 e 40.000 euros). A duración dos proxectos será de entre tres e nove meses.