Saltar ao contido principal
Xornal

A USC repite posición entre as 400 mellores universidades do mundo segundo o ránking de Shangai

Das once españolas presentes na clasificación, Santiago atópase entre as sete mellores do Estado

Actualizada: 04-09-2017 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago de Compostela, entre as mellores do mundo

Por cuarto ano consecutivo o Academic Ranking of World Universities (ARWU) sitúa a USC entre as mellores universidades do mundo. Concretamente, a Universidade de Santiago repite a súa mellor posición (no intervalo das 301-400 mellores institucións universitarias) nesta clasificación que dende 2003 realiza a Universidade Jiao Tong de Shanghai e que comunmente é coñecida como ránking de Shangai.

Das once universidades españolas recollidas, a de Santiago atópase entre as sete mellores do Estado ao mesmo nivel que a Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid e Complutense. Nas primeiras posicións (no intervalo 201-300) sitúanse a Pompeu Fabra, Barcelona e Granada. Completando a relación, o ránking destaca a Politécnica de Valencia, Jaume I, País Vasco e Valencia, estas catro no intervalo 401-500.

Nos últimos dez anos, a USC ten experimentado unha evolución ascendente neste ránking. Logo dunha primeira inclusión nesta clasificación no ano 2004 (no intervalo 404-502), a USC volveu incorporarse entre 2009 e 2011  no intervalo 401-500, para en 2014 e 2015 repetir na mesma posición. Nos dous últimos anos, 2016 e 2017, a Universidade de Santiago rexistrou as súas mellores posicións, ascendendo ao intervalo das 301-400 mellores universidades do mundo.

Áreas

A finais do pasado mes de xuño, ARWU adiantaba tamén unha clasificación das mellores universidades do mundo ordenadas por distintas áreas de coñecemento. No caso da institución compostelá, en disciplinas do ámbito das Ciencias da Vida, a USC destacaba en catro áreas: Ciencias Veterinarias (101-150), Ciencias da agricultura (201-300), Ciencias Biolóxicas (301-400) e Ciencia Biolóxica Humana (401-500). 

En Ciencias Naturais, a USC figuraba destacada en Matemáticas, Física e Química, nos tres casos entre as posicións 201 e 300. En Enxeñaría, a investigación realizada nos Campus de Santiago e Lugo alcanzaba os seus mellores rexistros, segundo ARWU, en Ciencia dos alimentos e Tecnoloxía (101-150), Ciencias da Enerxía e Enxeñaría (201-300), Biotecnoloxía (201-300) e Ciencias medioambientais e enxeñaría (301-400).

Finalmente, do ámbito temático das Ciencias Médicas, a USC aparece referenciada por Farmacia e Ciencias farmacéuticas (151-200).

Metodoloxía

Na selección inicial de universidades, ARWU considera todas aquelas universidades que contan entre o seu persoal con galardoados/as polos premio Nobel, Medallas Fields, persoal investigador altamente citados ou artigos publicados en Nature ou Science. Tamén se inclúen aquelas universidades cun número destacado de artigos científicos indexados polo Science Citation Index-Expanded (SCIE) ou no Social Science Citation Index (SSCI). En total, na edición deste ano cualificáronse máis de 1.300 universidades.

Para a clasificación das universidades toma en consideración catro criterios: produción científica (20% da cualificación), calidade docente (20%), calidade da educación (10%) e rendemento institucional per capita (10%). A partir destes criterios os indicadores mellor valorados son o número de profesores dunha institución premiados polo Nobel ou as Medallas Fields e os investigadores con alto índice de citación (40% da nota final); artigos publicados en Science e Nature e os artigos indexados en Sciencia Citation Index – Expanded e Social Science Citation Index (40%); antigos alumnos da institución premiados nas convocatorias do Nobel ou Fields (10%) e o rendemento académico per cápita dunha institución (10%).