Saltar ao contido principal
Xornal

Aberta a inscrición para o curso deportivo 2017-2018 do Servizo de Deportes da USC

Actualizada: 22-08-2017 09:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz coa programación deportiva do Servizo de Deportes da USC para o curso 2017-2018

O Servizo de Deportes da USC vén de abrir este venres 1 de setembro o novo curso deportivo 2017-2018, un exercicio para o que a programación deste servizo universitario presenta algunhas novidades, tales e como o son o feito de que o colectivo de xubilados da USC volverán ser usuarios de categoría A, co que poderán beneficiarse de maiores descontos. Asemade, outra das diferenzas que presentará o Servizo de Deportes da USC no curso 2017-2018 responde a que os menores de idade deberán dispor de DNI para poder acceder e participar nas diferentes actividades e escolas deportivas programadas polo Servizo de Deportes da USC, así como a outras modificacións na política de anulación e devolución de importes aboados.

 

A oferta de actividades e escolas deportivas do Servizo de Deportes da USC para o curso 2017-2018 xa se pode consultar na web da USC, onde tamén se pode visualizar o calendario da programación xa deseñada, que podería ser susceptible dalgún tipo de variación en función da demanda rexistrada.

 

Os cursos de verán de tenis, actividades acuáticas, actividades aeróbicas e de acondicionamento físico, aprendizaxe deportiva, así como de benestar e lecer, abrirán a programación do novo curso deportivo do Servizo de Deportes da USC ao longo do mes de setembro, período durante o que tamén se volverán celebrar unhas xornadas de portas abertas. Así, día 18 ao 29 de setembro, todas as persoas interesadas poderán coñecer e familiarizarse de balde cos distintos programas ofrecidos, como coas instalacións deportivas nas que se desenvolven, antes de formalizar a súa matrícula.

 

A programación perfilada polo Servizo de Deportes da USC para o curso 2017-2018 dá continuidade as escolas deportivas, ligas e competicións universitarias que se viñan desenvolvendo ao longo dos últimos anos. Trátase dunha oferta ampla e variada que se desenvolverá nos campus de Santiago e de Lugo, aínda que cada sede universitaria presenta un programa deportivo propio.

 

O campus de Lugo oferta para o vindeiro curso sesións de adestramento de fútbol sala mixto, rugbi mixto, voleibol mixto; G.A.P., ioga, minfulness, mantemento+aerobic+step, pilates, running, saúde feminina: consciencia corporal, tai-chi, ximnasia de mantemento e zumba. A programación do Servizo de Deportes da USC nos campus de Compostela é máis ampla e inclúe entre as actividades deportivas xadrez, running, sendeirismo, atletismo, mellora condición física, esgrima, pilates, ximnasia de mantemento, ximnasia terapéutica, G.A.P.+tono, zumba, aerobic+step, baile deportivo (bailes caribeños e tango arxentino), baile en liña e country, combinado terapéutico... Deportes como o tenis, triatlón, así como adestramentos de balonmán, fútbol sala feminino, rugby, voleibol, autodefensa, ioga, taekwondo, tai-chi, kungfu, judo, karate, mindfulness, aquagym, natación (adultos, nenos, pre e post-parto, maiores, terapéutica), tamén figuran no programa do Servizo de Deportes da USC.

 

As persoas interesadas en acadar máis información respecto ao novo curso deportivo do Servizo de Deportes da USC poden acceder á súa web ou tamén facer as súas solicitudes o suxestións a través dos enderezos de correo electrónico deporsec@usces e servizodeportes.lugo@usc.es.