Saltar ao contido principal
Xornal

A USC participa en Camerún na segunda edición da Escola Internacional sobre Enerxética Sustentable para África (SE4A)

Actualizada: 28-08-2017 11:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes na Escola Internacional sobre Enerxética Sustentable para África (SE4A) celebrada en Camerún

A USC figura entre as institucións promotoras e que contaron con representación na segunda edición da Escola Internacional sobre Enerxética Sustentable para África (SE4A), un foro desenvolvido ao longo deste mes de agosto en Camerún e no que tomaron parte 50 estudantes de oito nacionalidades africanas, ademais dunha decena de expertos internacionais, entre os que se atopa a profesora da USC Ángeles López Agüera, quen tamén é responsable do proxecto de Comunidades Sustentables de CLRA-Unesco.

 

Entre os participantes, cómpre salientar a presenza de 24 mulleres, mozas científicas e empresarias que mostraron, unha vez máis, o papel predominante e crucial da muller no ámbito da enerxía e da sustentabilidade. Como exemplo, as gañadoras no concurso de emprendemento e desenvolvemento foron mulleres de Túnez, Ghana e Zimbabue que presentaron ambiciosos proxectos no ámbito da investigación aplicada ao desenvolvemento.

 

Durante unha semana, as charlas, talleres e visitas formativas organizadas ao abeiro deste foro trataron sobre as expectativas enerxéticas sustentables a medio e longo prazo, a adecuación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a implicación das políticas enerxéticas na mitigación do cambio climático en África.

 

Nesta ocasión, a Escola Internacional sobre Enerxética Sustentable para África (SE4A) estivo organizada por African Network for Solar Energy (Ansole). Este evento, auspiciado pola Fundación Volkswagen conta tamén coa USC entre as súas entidades e institucións promotoras.