Saltar ao contido principal
Xornal

Cova Eirós, “un libro aberto” para coñecer a prehistoria de Galicia

Actualizada: 29-08-2017 19:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Román Rodríguez, acompañado, entre outros, do director do proxecto de escavación de Cova Eirós, o catedrático da USC Ramón Fábregas

Cova Eirós é “un libro aberto” que permite non só coñecer mellor a prehistoria de Galicia, senón tamén a do conxunto do noroeste peninsular, segundo sinalou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, durante a visita realizada este martes ao concello lugués de Triacastela, onde se localiza este xacemento.

 

Acompañado do director do proxecto de escavación de Cova Eirós, o profesor e investigador da USC Ramón Fábregas, así como do codirector das escavacións, o tamén investigador Arturo Lombera Hermida, Román Rodríguez avanzou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando en 2018 un proxecto que “está a desvelar moitos aspectos descoñecidos sobre o noso pasado remoto”. A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias; o Xefe Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena, tamén participaron nesta visita a Cova Eirós.

 

Da investigación á declaración BIC

No marco dos proxectos de investigación denominados “Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da cunca media do Miño” e “Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia”, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universitat Rovira i Virgili (Tarragona), desenvolveron desde o ano 2006 diversos proxectos de investigación arqueolóxica baixo a dirección científica do catedrático Ramón Fábregas Valcarce (USC).

 

No xacemento da Cova Eirós, no que se vén traballando desde o ano 2008 co apoio da Xunta de Galicia, as escavacións arqueolóxicas localizaron no sector da entrada restos de diversas ocupacións paleolíticas. Ademais, nas paredes da Gran Sala do interior da cavidade atopáronse unha serie de motivos pintados e gravados que constitúen un achado único e excepcional en Galicia da arte parietal do Paleolítico Superior.

 

Tendo en conta estes antecedentes, a Consellería propuxo o pasado mes de maio a súa declaración singular como ben de interese cultural coa categoría de monumento, por estimala como a figura máis acaída para o seu réxime de protección, de acordo coa Lei 5/2016 do Patrimonio cultural de Galicia. O expediente permaneceu en exposición pública polo prazo dun mes e actualmente estanse a avaliar as alegacións. O prazo para resolvelo é de 24 meses a contar a partir da data da re­solución de incoación.

 

Novos resultados

Os resultados acadados nestes últimos anos están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de Neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

 

As novas datacións absolutas confirman ao grupo de Neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.

Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegármonos á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Algúns dos últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a Fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por Carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.


Outras imaxes


Visita a Cova Eirós