Saltar ao contido principal
Xornal  »  Investigadores e representantes da industria internacional debaten as posibilidade da intelixencia artificial en xeración de linguaxe natural

Investigadores e representantes da industria internacional debaten as posibilidade da intelixencia artificial en xeración de linguaxe natural

O reitor Juan Viaño inaugurou o encontro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), onde se celebra este congreso por vez primeira en España

Actualizada: 05-09-2017 13:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor, no centro, presidiu a sesión inaugural. Foto: Santi Alvite

Considerado o congreso mundial de maior relevancia na súa especialidade, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) abriu este martes as súas portas á decima edición do Congreso Internacional INLG (International Natural Language Generation), que por vez primeira se celebra en España. O reitor Juan Viaño presidiu a sesións inaugural deste encontro no que se dan cita representacións de xigantes tecnolóxicos como Microsoft, eBay ou IBM, ademais de cen inscricións de 20 países de catro continentes cun alto porcentaxe de participantes procedentes do sector empresarial. A xeración de linguaxe natural é unha técnica de intelixencia artificial de máxima actualidade máis coñecida polas súas siglas en inglés (NLG).

Na xornada inaugural, no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE), tamén interviñeron Ángel Morales, da Association of Computational Linguistics e do Special Interesy Group on Natural Language Generation (SIGGEN); Ehud Reiter, do comité organizador; e o director do CiTIUS, Paulo Félix Lamas, entre outros.

A organización deste evento, que tamén inclúe o principal encontro europeo do sector, corre a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), poñendo o broche a un verán cunha abundante actividade de encontros científicos de primeira magnitude entre os que se atopan dúas escolas de verán en intelixencia artificial e o congreso internacional Euro-Par 2017, este último un referente europeo en computación paralela e distribuída.

Dos informes de actividade aos robots xornalistas
As técnicas empregadas no ámbito da NLG confirman a capacidade das máquinas para desenvolver de xeito “non supervisado” distintas tarefas tradicionalmente reservadas ao ser humano. A modo de exemplo, os promotores do encontro explican que a xeración de textos gramaticalmente correctos a partir de datos numérico-simbólico “é xa unha realidade en moitos casos inapreciables para o lector”. Neste senso engaden que ámbitos de alto impacto social, como a meteoroloxía ou a xeración automática de noticias en prensa a partir de datos e cifras, contan xa con tecnoloxía en pleno funcionamento para a optimización dos recursos.

Tendo en conta que un dos principais retos que se presentan na actualidade a nivel científico é a xestión da gran cantidade de datos xerados diariamente, INLG2017 servirá de punto de encontro para presentar os últimos avances nunha área especialmente atractiva para as empresas, por tratarse dun mercado emerxente que move millóns de euros a nivel mundial.

Entre os asistentes destacados atópanse o profesor Ehud Reiter, catedrático de Linguística Computacional na Universidad de Aberdeen (Escocia) e pioneiro en NLG. Reiter é tamén fundador dunha das principais empresas neste eido, a compañía ARRIA NLG, un dos patrocinadores da presente edición xunto a Accenture e Phrasee.

Ademais, o congreso contará tamén coa presencia de dous relatores invitados: Frank Schilder, de Thomson Reuters; e Gemma Boleda (Universidad Pompeu Fabra), una investigadora do programa Ramón y Cajal que atesora xa un prometedor currículo (más de 900 citas acumuladas polos seus traballos científicos), e á que o Consello Europeo de Investigación acaba de conceder unha das prestixiosas axudas ERC Starting Grant.

Entre o resto dos asistentes cabe destacar á investigadora Claire Gardent, do CNRS (Centro Nacional en Francia para a Investigación Científica, polas súas siglas en francés) e ao investigador posdoctoral do CiTIUS Alejandro Ramos, recoñecido polo seu traballo GALiWeather con distintos premios a nivel nacional e internacional, entre os que destaca o Premio de investigación 2017 da Fundación BBVA.

 


Outras imaxes


Investigadores e representantes da industria danse cita neste congreso. Foto: Santi Alvite