Saltar ao contido principal
Xornal

Viaño agarda neste curso dar os primeiros pasos da etapa de crecemento e consolidación do modelo da USC para o primeiro cuarto do século

Inaugurado o curso académico 2017-2018

Actualizada: 07-09-2017 14:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor, nun momento da súa intervención. Foto: Santiago Alvite

O curso 2017-2018 será tempo de “renovar o noso compromiso coa sociedade. Un compromiso que debe compatibilizar a defensa dos intereses da nosa universidade, coa obriga de satisfacer as demandas sociais”. Juan Viaño concretou nestas liñas a filosofía que rexerá o novo curso académico e que coincidirá co último tramo do actual mandato reitoral. “Quédanos pois, arredor dun semestre para a conclusión do plan de goberno maioritariamente votado en 2014 e que debe ser o primeiro paso da etapa de crecemento e consolidación do modelo da Universidade de Santiago de Compostela para o primeiro cuarto do século XXI”. Viaño asume como unha obriga para este tempo “crear as bases dunha nova etapa universitaria onde o debate non estea polarizado polo financiamento, senón polo coñecemento”.

“O noso compromiso coa sociedade e a crecente complexidade dos retos a afrontar obrígannos a unificar esforzos achegando o mellor de cada quen para conseguir construír esa universidade que ideamos”, afirmou o reitor compostelán no seu discurso de apertura do curso. “Chegamos á idea, pero agora, como dicía Sophie Germain, influínte matemática francesa do século XIX, ‘o importante é que cheguemos lonxe dela”.

Á vista dos principais fitos na vida da institución universitaria compostelá dos últimos anos, Juan Viaño considera que a USC está hoxe en condicións de demostrar unha excelencia académica e investigadora “sólida e incontestable”, que dimana da calidade, do talento e da dedicación do seu profesorado, dos seus investigadores e investigadoras, do seu persoal de administración e servizos e do seu estudantado.

Ao longo deste últimos anos, “tivemos que tomar medidas difíciles que afectaron ao noso quefacer diario”. “Tíñamos clara unha cousa: precisabamos combinar os axustes no gasto, a redución da débeda e a eliminación do déficit co crecemento económico sustentable, coa internacionalización da nosa actividade e coa revitalización do cadro de persoal, incorporando e estabilizando talento”, engadiu no seu discurso o reitor. Fronte ao punto de partida, Viaño adiantou que “remataremos 2017 cun resultado positivo, que fará que reduzamos o déficit en 8 millóns de euros (50%). Tamén minguamos a débeda en preto de 14 millóns de euros (aproximadamente un 30%) e ampliamos os nosos ingresos en 27 millóns de euros (un incremento do 5%)”.

Lección inaugural
Nesta ocasión, a lección inaugural impartiuna o catedrático Juan Lema Rodicio co título ‘A Enxeñaría Química ao servizo da sociedade’. O profesor Lema aproveitou a ocasión para reivindicar “ o papel decisivo da química e, máis particularmente, da enxeñaría química, disciplina que trata de levar á práctica procedementos descubertos a escala laboratorio”. Xustificando este enfoque, Juan lema afirmou que o seu colectivo séntase en ocasións “incomprendido e pouco valorado cando, acotío, observamos que para o gran público a química vén sendo un sinónimo de artificial, molesto, contaminante ou mesmo perigoso”.

Coa súa lección inaugural deste curso 2017-2018 o conferenciante tratou de convencer ao seu público de que “os profesionais da Enxeñaría Química temos xogado un papel moi relevante no benestar da humanidade e do noso planeta, co desenvolvemento de produtos e procesos sen os cales non só seriamos unha sociedade menos desenvolvida senón tamén menos xusta e sustentable”.

Memoria
A secretaria xeral, Consuelo Ferreiro, foi a encargada de presentar a memoria do pasado curso académico na que destacou a presenza da muller na universidade. Ademais, o documento fixo un percorrido polos principais indicadores da actividade universitaria durante 2016-2017 nun relatorio que comezou coa dimensión docente, tanto dende o punto de vista do estudantado como do profesorado e as titulacións, e que continuou aludindo á actividade investigadora da USC, así como á labor de xestión e a actividade cultural.

 

Outras imaxes


O acto celebrouse no Salón Nobre de Fonseca. Foto: Santi Alvite

O acto contou cunha numerosa representación da comunidade universitaria. Foto. Santi Alvite

De esquerda a dereita, Consuelo Ferreiro, Juan Viaño e Juan Lema. Foto: Santi Alvite

A sesión contou cun numerosa representación da comunidade universitaria. Foto: Santi Alvite