Saltar ao contido principal
Xornal  »  O proxecto EURIPER, seleccionado pola Comisión Europea para debater a importancia das políticas rexionais e de innovación da Unión Europea

O proxecto EURIPER, seleccionado pola Comisión Europea para debater a importancia das políticas rexionais e de innovación da Unión Europea

O profesor do Departamento de Economía Aplicada Manuel González López coordinará o proxecto cuxo desenvolvemento concluirá coa elaboración dun informe para a Comisión Europea

Actualizada: 11-09-2017 11:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Manuel González López coordinará o proxecto que se prolongará por un período de dous anos

O proxecto EURIPER (EU Regional and Innovation Policies and Peripheral Regions) foi seleccionado pola Comisión Europa para difundir e debater a importancia das políticas rexionais e de innovación da Unión Europea, en particular para aquelas rexións menos desenvolvidas. O profesor Manuel González López, do grupo ICEDE da USC, é o coordinador deste proxecto que recibirá financiamento da convocatoria Jean Monnet Activities dentro do programa Erasmus +. A proposta da USC foi elixida xunto con outras 44 de entre un total de 324 presentadas. Recibirá un financiamento de 73.000 euros dos que a Unión Europea achegará o 75% e terá unha duración de 24 meses a contar dende o pasado 1 de setembro.

Para acadar o seu obxectivo, EURIPER establecerá unha rede académica e de investigación que se encargará de desenvolver actividades de investigación e docente sobre a materia. O proxecto contará tamén coa participación de policy-makers tanto da Comisión Europea como das distintas rexións ás que pertencen os investigadores e investigadoras do proxecto.

Para o seu desenvolvemento EURIPER contará cun grupo científico-académico formado por oito especialistas de catro universidades europeas, concretamente da USC e das universidades de Bari (Italia), de Jagiellonian (Polonia) e Agder (Noruega). Ademais, tamén intervirá un grupo asesor formado por seis investigadores de recoñecido prestixio pertencentes ás universidades de Kiel (Alemaña), Lund (Suecia) e á Copenhagen Business School (Dinamarca).

Calendario de actividades

A primeira das actividades a celebrar para o desenvolvemento do proxecto será un obradoiro en Santiago a finais do vindeiro mes de outubro ao que lle seguirán outros catro encontros nos distintos países participantes e a conferencia de clausura que novamente se presentará en Compostela para presentar as conclusión do proxecto.

Ao longo do proxecto incidirase en tres cuestións concretas como son o proceso de integración europea e as políticas rexionais e de innovación na UE; o catálogo existente destas políticas; e o seu impacto nas rexións periféricas. O equipo promotor estima que o traballo que se realice permitirá a edición de diversas publicacións, a creación e desenvolvemento dun curso en tres másteres noutros tanto países e un informe para a Comisión Europea sobre os resultados acadados.