Saltar ao contido principal
Xornal  »  Unha tese do grupo I+D Farma premiada pola Sociedade Europea de Biomateriais

Unha tese do grupo I+D Farma premiada pola Sociedade Europea de Biomateriais

Actualizada: 08-09-2017 13:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Luís Díaz, co galardón recollido en Atenas

O investigador do grupo de I+D Farma Luis Antonio Díaz Gómez acaba de recoller o Julia Polak European Doctorate Award no transcurso do congreso anual da Sociedade Europea de Biomateriais celebrado en Atenas. Este recoñecemento premia aquelas teses de doutoramento que acreditan un alto nivel de formación do investigador nos campo dos biomateriais e a enxeñaría de tecidos e que teñan dado lugar a resultados científicos publicados en revistas de elevado índice de impacto.

Baixo a dirección da profesora Carmen Álvarez Lorenzo e do profesor Ángel Concheiro Nine, do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, a tese centrouse no deseño de dous tipos de sistemas implantables constituídos por armazóns poliméricos e factores de crecemento plaquetario. Trátase concretamente de scaffolds nanofibrosos para rexeneración  de tendón aplicando técnicas de electrospinning e scaffolds ríxidos porosos para a rexeneración do tecido óseo por espumado con CO2 supercrítico.

Este novos procedementos de preparación, desenvolvido coa colaboración do investigador Ramón y Cajal Carlos Alberto García González, deron xa lugar a unha patente neste ámbito. Integrante do equipo de investigación I+D Farma, Luis Díaz realizou estadías de investigación na Radboud University (Holanda) e na Universidade Nacional de Mar da Prata (Arxentina) e é coautor dunha ducia de artigos en revistas idexadas. Actualmente desenvolve unha estadia posdoutoral no Departamento de Bioenxeñaría da Rice University (Houston) cunha axuda da Xunta de Galicia.