Saltar ao contido principal
Xornal  »  Abordan nun congreso en Filoloxía as transformacións académicas e tecnolóxicas da xermanística

Abordan nun congreso en Filoloxía as transformacións académicas e tecnolóxicas da xermanística

Actualizada: 13-09-2017 12:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Reflexionar sobre as fórmulas que adoptan os estudos de lingua e literatura alemá para facer fronte ás transformacións é un dos obxectivos do congreso internacional ‘Xestionar as convulsións: A Xermanística en tempos de mudanza’ que organiza esta semana en Filoloxía o grupo de investigación LITLINAL da USC.

O encontro busca favorecer o debate ao redor das repercusións temáticas e didácticas da revolución dixital e do saber interdisciplinario na Xermanística. As persoas organizadoras pretenden responder a cuestións relacionadas coas posibilidades que as humanidades dixitais lle ofrecen aos estudos de Lingua e Literatura Alemá ou as transformacións que poden supor as dixitalizacións no eido da tradución.

O impacto da globalización no ensino e a aprendizaxe de linguas e culturas estranxeiras e as rupturas históricas na construción da subxectividade e o seu mundo na literatura e a cultura son outros dos temas a tratar na xuntanza, que se desenvolve dende este mércores 13 ata o sábado 16.

No congreso participan conferenciantes de universidades estranxeiras e españolas de recoñecido prestixio como Christiane Nord, MIchaela Holdenried ou Marisa Siguán, e contarase coa participación de estudantes, investigadores, profesionais do ensino, tradutores e interesados na Xermanística en xeral.

Obradoiro de edición dixital
No marco do congreso terá lugar ademais un obradoiro  de introdución á edición Dixital de textos, que impartirá Valentín Carrera. O obradoiro é unha mostra da actividade que se leva a cabo na Facultade de Filoloxía no ámbito das humanidades dixitais.

Nas diversas sesións trataranse conceptos básicos da migración dixital para logo profundar na dixitalización de textos e os diversos programas cos que se traballa. O obradoiro rematará co tratamento do marcado e almacenamento de textos e a xestión e publicación de contidos accesibles de humanidades dixitais en web.