Saltar ao contido principal
Xornal  »  Cando a competencia dixital favorece a inclusión social

Cando a competencia dixital favorece a inclusión social

Actualizada: 12-09-2017 13:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Que supón non ter competencia dixital?  É un obstáculo para a inclusión social? Que papel teñen a familia e a escola no desenvolvemento desta competencia? Estes son algúns dos interrogantes  aos que o grupo de investigación Stellae da USC pretende dar resposta estes días 13 e 14 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) de Santiago.

Nas I Xornadas internacionais IncluyeT reflexionarase sobre a competencia dixital en todos os ámbitos formativos e o papel que esta desempeña na inclusión social dos cidadáns. Están dirixidas á comunidade educativa, dando protagonismo ao  profesorado, persoal investigador, familias e aos cativos/as, para compartir experiencias sobre  a os procesos de construción da competencia dixital, o papel da familia, a escola e a contorna e a súa importancia na inclusión/exclusión social. A asistencia é aberta e gratuíta, previa inscrición na web.

As xornadas darán comezo este mércores 13 ás 17.00 horas cunha conferencia de Inés Dussel, profesora do Departamento de Investigacións Educativas do CINVESTAV-IPN, México, titulada ‘A inclusión dixital desde a escola: significados experiencias e perspectivas’. Ao remate levaranse a cabo dous obradoiros dirixidos a nais, pais e profesorado, un centrado na creación de contidos e outro na seguridade na rede.

O xoves 14, a sesión de tarde comezará coa presentación de experiencias docentes centradas no desenvolvemento da competencia dixital. A continuación haberá unha mesa redonda coa presenza de investigadores/as da USC, Salamanca e a Autónoma de Madrid.  Xa ás 19:45 horas  Jordi Adell, profesor da Universidade Jaume I de Castellón e director do Centre d'Educació i Noves Tecnologies desa cidade, pronunciará a conferencia de clausura, titulada ‘Cara a un docente dixital crítico’

Estas xornadas se encadran no marco do proxecto CDEPI (Competencia Dixital en estudantes de educación obrigatoria. Entornos socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de e-inclusión) dirixido polo grupo Stellae e subvencionado polo Ministerio de Economía, industria e Competitividade. O proxecto pretende contribuír ao coñecemento do desenvolvemento da competencia dixital dos estudantes no ensino obrigatorio e a posible relación que a súa aprendizaxe pode ter nos procesos de inclusión social.