Saltar ao contido principal
Xornal  »  O Campus Terra da USC celebra este xoves unha xornada de benvida ao novo alumnado no auditorio de Veterinaria

O Campus Terra da USC celebra este xoves unha xornada de benvida ao novo alumnado no auditorio de Veterinaria

A sesión comezará ás 12.30 horas e inclúe, ademais da presentación dos servizos universitarios, actuacións musicais, zumba, petiscos e o sorteo dunha ‘tablet’

Actualizada: 13-09-2017 09:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada de benvida ao Campus Terra da USC

O Campus Terra da USC celebrará este xoves, a partir das 12.30 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, unha xornada de benvida dirixida especialmente aos mozos e mozas que inicien os seus estudos de grao en Lugo, pero tamén aberta á participación do conxunto do alumnado da sede universitaria luguesa e demais membros da comunidade universitaria.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo e director do Campus Terra, Javier Bueno Lema; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e o Presidente da Deputación, Darío Campos, participarán neste acto, no marco do que cada servizo do campus disporá dun espazo expositor no que informará ao alumnado da súa actividade e oferta formativa ou de lecer.

 

Biblioteca Intercentros, Área de Orientación e Inserción Laboral, Oficina de Cultura, Servizo de Deportes, Servizo de Participación e Integración Universitaria, Servizo de Relacións Exteriores, Normalización Lingüística, Centro de Linguas Modernas, Oficina de Igualdade de Xénero, Desenvolvemento Sostible, Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus) ou a Oficina de Información Universitaria, darán a coñecer a súa diversa actividade. Xunto cos espazos propios da USC, tamén contarán cun espazo expositor Concello e Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Xuventude e Banco Santander.

 

De xeito paralelo a esta actividade formativa, o Dj Mr. Fishman aka Dr. Think amenizará a xornada coa súa música. Ademais, tamén haberá tempo para degustar uns petiscos de benvida ou para participar nunha master class de zumba. Na recta final do acto sortearase unha tablet entre todos os asistentes.