Saltar ao contido principal
Xornal  »  O Seminario Pensando o Novo Cinema Galego abordará o audiovisual contemporáneo na Facultade de Filosofía en Compostela

O Seminario Pensando o Novo Cinema Galego abordará o audiovisual contemporáneo na Facultade de Filosofía en Compostela

Margarita Ledo, Alberte Pagán, Beli Martínez ou Jaime Pena, abordarán as novas estéticas cinematográficas galegas nunhas xornadas de entrada libre os días 14 e 15

Actualizada: 13-09-2017 10:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do encontro

O Centro de Estudos Fílmicos da USC (CEFILMUS) e o proxecto de investigación PERFORMA (O teatro fóra do teatro. Performatividades contemporáneas na era dixital) organizan este xoves 14 e o venres 15 o Seminario ‘Pensando o novo cinema galego. Achegamentos estéticos e multidisciplinares ás formas contemporáneas do audiovisual galego’. As conferencias, abertas ao público, tentarán analizar en profundidade e someter a pensamento crítico o recente fenómeno audiovisual que se veu dando en Galicia, co xurdimento, toda a década pasada, dunha produción cinematográfica que o equipo promotor do encontro considera sen precedentes cualitativos nin cuantitativos.

O seminario transcorrerá no Salón de Actos da Facultade de Filosofía e arrinca este xoves 14 ás 10.00 horas coa intervención da catedrática Margarita Ledo Andión para falar sobre feminismo e performatividade no Novo Cinema Galego. A continuación, Fernando Redondo Neira coa conferencia ‘As marcas do procesual nos límites da experimentación do NCG’ e Iván Villarmea con ‘Políticas da representación no NCG: da estética da resistencia ao Zeitun’, completarán a sesión do xoves pola mañá. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, serán Sara Donoso, coa conferencia ‘Cine, paisaxe e pintura’ e Julio Vilariño, con ‘Habitar un espazo. A construción do lugar no cinema galego’, quen aborde a relación entre o imaxinario cinematográfico e o territorio. Para completar o primeiro día, Gonzalo Enríquez Veloso presentará o relatorio ‘Unha historia do cinema expandido en Galicia’.

O programa do venres desprázase a primeira hora, entre as 10.00 e as 11.15 horas, ao cinema NUMAX, onde o cineasta Cris Lores presentará Proxecto remolque. A continuación, Filosofía de novo acolle a partir das 12.00 horas o relatorio de Lara Rozados sobre espazos okupados, desaloxados e re-significados a través das imaxes, e a continuación ‘Umha nuvem de mosquitos’, de Alberte Pagán. Xa pola tarde, alén da presentación do programa Curtocircuíto, na que xa é a súa décimo cuarta edición, Beli Martínez falará sobre as coordenadas que permiten situar a xeración do Novo Cinema Galego, e por último, o doutor en Historia da Arte e crítico cinematográfico Jaime Pena falará sobre ‘Espazos da memoria, espazos da ausencia’. As xornadas son abertas para calquera persoa interesada e de balde, e están recoñecidas dentro das actividades formativas do doutoramento.