Saltar ao contido principal
Xornal  »  O Instituto de Ciencias da Educación e Alumni USC organizan o segundo encontro de intelixencia emocional

O Instituto de Ciencias da Educación e Alumni USC organizan o segundo encontro de intelixencia emocional

Actualizada: 14-09-2017 10:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel das xornadas que se celebrarán o 30 de setembro en Ciencias da Comunicación

O Instituto de Ciencias da Educación (ICE) e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) organizarán o 30 de setembro a segunda edición do Foro de Educación Emocional e Social (EnMente2), dirixido tanto a integrantes da asociación como ao público en xeral. Será a segunda edición dun encontro que en 2016 reuniu preto de 200 persoas, entre profesionais do eido educativo, pais e nais, alumnado de grao e máster, profesionais da psicoloxía e da educación así como a persoas interesadas en traballar as súas competencias emocionais e sociais.

O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación e impartirano profesionais do ámbito da intelixencia emocional, do coaching e do mentoring, persoas expertas en comunicación, xestión de equipos e desenvolvemento persoal e profesional. Están previstos un total de oito relatores e relatoras de recoñecido prestixio destacando nomes como Carlos Hué, psicólogo e doutor en Ciencias da Educación, ou José Carlos Ángel Castel, pedagogo.

A finalidade desta acción é profundar no coñecemento e xestión das emocións, no desenvolvemento de estratexias de regulación emocional, automotivación e liderado, tanto no eido persoal coma no profesional, así como na mellora de habilidades comunicativas e de escoita que permitan comprender as emocións das outras persoas. A partir destes obxectivos comúns, están previstos oito obradoiros entre os que as persoas interesadas deberán escoller aquelas catro temáticas que mellor se adapten ás súas necesidades, ata completar un total de oito horas de formación.

Os obradoiros da sesión matinal estarán dedicados a aspectos como as fortalezas persoais, a comunicación, a concentración ou as organizacións emocionalmente intelixentes. Xa pola tarde haberá ocasión de desenvolver cuestións relacionadas cos efectos positivos do humor, competencias emocionais, a creatividade ou coaching educativo. Cada obradoiro acollerá un máximo de 40 persoas. O aforo limitado permitirá aplicar unha metodoloxía dinámica e participativa, na que se utilizarán exposicións teóricas e explicacións, simulacións, dinámicas e dramatizacións, así como discusións e debates co obxecto de tomar conciencia e reflexionar sobre as influencias socioculturais e o contexto social.

Para acadar máis información ou formalizar a inscrición, as persoas interesadas poden dirixirse á web www.enmenteusc.com.