Saltar ao contido principal
Xornal  »  O simposio internacional dedicado a Xerardo Fernández Albor comeza este venres no Colexio de Fonseca

O simposio internacional dedicado a Xerardo Fernández Albor comeza este venres no Colexio de Fonseca

O sábado 16 recibirá a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo de mans do presidente do Goberno español

Actualizada: 14-09-2017 12:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Juan Viaño presidirá este venres 15 a inauguración do simposio internacional ‘Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente’, que se desenvolverá en Compostela ata o sábado 16. A sesión inaugural celebrarase o venres no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 9.30 coa participación do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva Álvarez; do alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; e do presidente do Comité Organizador, o profesor Marcelino Agís Villaverde.

Ao longo das dúas xornadas –a do sábado desenvolverase na Cidade da Cultura– sucederanse diversos relatorios e mesas redondas e de debate agrupados en paneis temáticos sobre acontecementos históricos do século pasado, a escola médica compostelá, o rexurdir da cultura e das institucións galegas, os alicerces da Galicia autonómica e as novas realidades políticas nos contextos galego, español e europeo.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, pronunciará ás 10.00 horas a conferencia inaugural titulada ‘Xerardo Fernández Albor e o galeguismo político do século XX’, á que seguirá a mesa redonda ‘Un compostelán chamado Xerardo Fernández Albor’. A partir das 12.00 será a quenda do segundo panel do encontro, centrado na escola médica compostelá e na que se abordará coa participación de docentes da USC a transformación da práctica clínica hospitalaria en Compostela.

Pola tarde, ás 16.00 horas comezará o panel sobre o rexurdir da cultura e das institucións galegas cun mesa redonda na que participarán representantes de Editorial Galaxia, da SEPT, da Fundación Penzol e da Real Academia Galega. Esta xornada completarase co bloque temático dedicado aos ‘Alicerces da Galicia Autonómica’.

Clausura
No acto de clausura, presidido o sábado 16 a partir das 13.30 horas polo presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, entregaráselle a Fernández Albor a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, concedida polo Consello de Ministros o 9 de xuño de 2017.

Con anterioridade, ás 10.00 horas comezará o derradeiro panel do encontro, sobre ‘As novas realidades políticas en Galicia, España e Europa’, e que contará coa conferencia do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría titulada ‘O nacemento da Autonomía galega’ e coa celebración da mesa redonda ‘Da España das autonomías á Europa unida’. Completarán a quenda de intervencións o ex ministro Marcelino Oreja Aguirre e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que pronunciará a conferencia de clausura, titulada ‘Galicia e os desafíos do Estado das Autonomías’.

Paralelo ao simposio, os organizadores montaron unha exposición fotográfica con documentos cedidos por varias institucións e a propia familia de Fernández Albor. A mostra, que comisaría José M. García Iglesias, poderá visitarse o venres 15 no Colexio de Fonseca e o sábado na Cidade da Cultura.