Saltar ao contido principal
Xornal  »  Abertos os prazos para os cursos do Espazo de Danza da USC

Abertos os prazos para os cursos do Espazo de Danza da USC

Actualizada: 14-09-2017 14:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Espazo de Danza do Campus de Compostela mantén abertos os prazos para matricularse en diversos cursos a desenvolver neste ano académico, todos recoñecidos con créditos ECTS.

Por unha banda, do 16 de outubro a 20 de decembro terá lugar o curso de iniciación á danza contemporánea, que impartirá Juan Carlos Zahera os luns e mércores de 14:30 a 16:00 horas na Sala Multiusos do Estadio de Atletismo. Tamén en outubro, e ata abril, desenvolverase o curso II de danza contemporánea a cargo de Xiana Vilas.

A danza tradicional galega ten tamén cabida na programación da USC, impartido por Alejandro Martínez nas modalidades de iniciación e avanzado en dúas quendas, unha de setembro a xaneiro e outra de febreiro a xuño. Pola súa banda, quen prefira a danza latina poderá matricularse nos diversos cursos (iniciación, intermedio e avanzado) a cargo de Miguel David Herrera.

 

A programación formativa do Espazo de Danza da USC no Campus Terra está singularizada e ofrece outros cursos. Así, Rosa Acuña impartirá desde o 17 de outubro ata o 29 de marzo un curso de danza contemporánea estruturado en 76 horas. Asemade, Rosa Acuña tamén impartirá durante este mesmo período un curso de danza contemporánea e ioga dinámico, un programa de 25 horas de duración no que se traballa a respiración e a conciencia coporal. Estes dous cursos desenvolverán as distintas sesións programadas nas instalacións da Aula de Danza e Teatro, situadas na Facultade de Veterinaria de Lugo.

 

A danza oriental e os bailes latinos tamén serán obxecto de varios dos cursos programados para este exercicio académico no Campus Terra da USC polo Espazo de Danza da USC. Daquela, Mercedes Aguiar impartirá a partir do 16 de outubro, na sala de Cultura e Deporte da Facultade de Veterinaria, un curso de iniciación á danza oriental e outro de nivel avanzado. Asemade, de febreiro a xuño, Mercedes Aguiar tamén conducirá un curso de nivel intermedio.

 

O profesor encargado de impartir os cursos de bailes latinos (Salsa, Bachata, Merengue, Conga e Rueda Cubana) na sede universitaria luguesa será Miguel David Herrera Lage. Neste caso, a programación do Espazo de Danza da USC tamén inclúe cursos de iniciación nivel intermedio e avanzado.

 

As persoas interesadas en participar nalgún dos cursos programados polo Espazo de Danza da USC en Lugo pode formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Oficina de Cultura, sitas no edificio da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Tamén se pode obter máis información ao respecto na web da USC ou a través dos números de teléfono  982 821 510 / 982 821 513.



Compañía de Danza
A compañía de danza universitaria da USC dedícase á creación e investigación do movemento e á composición coreográfica no ámbito da danza contemporánea, o que dará como resultado unha peza que se presentará posteriormente ante o público. A proposta final será o froito do traballo no curso II de danza contemporánea  utilizando  material traballado e a posta en común de propostas  do alumnado.

Para formar parte da compañía é requisito participar no Curso II de Danza Contemporánea ou ter pertencido a ela en anos anteriores. A intervención na compañía será de outubro a maio, cando comezan as saídas a encontros, festivais e a propia participación do 16º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC.

Para matricularse ou acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua na Casa da Balconada ( Rúa Nova, 6) ou nos teléfonos 881 811 018 ou  881 811 318.