Saltar ao contido principal
Xornal  »  Xornada de benvida ao Campus Terra da USC

Xornada de benvida ao Campus Terra da USC

Centos de estudantes coñeceron os distintos servizos, ademais da oferta deportiva e de lecer do Campus Terra cun dinámico programa de acollida celebrado en Veterinaria

Actualizada: 14-09-2017 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Xornada de benvida ao Campus Terra da USC, no auditorio de Veterinaria

Centos de universitarios chegados este curso ao Campus Terra da USC participaron este xoves na xornada de acollida organizada no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, e a través da que responsables e persoal dos distintos servizos, programas e actividades lúdicas, culturais e de lecer que desenvolve a USC na sede universitaria luguesa presentaron ao novo alumnado a súa oferta nos distintos postos informativos instalados.

 

Área de Cultura, Área de Orientación Laboral,  Biblioteca Intercentros, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), Centro de Linguas Modernas, Oficina de Desenvolvemento Sostible, Oficina de Igualdade de Xénero, Oficina de Relacións Externas, Servizo de Deportes, Servizo de Normalización Lingüística e Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), foron os verdadeiros protagonistas desta xornada, na que tamén houbo tempo para gozar dun diverso programa de actividades culturais, entre as que non faltaron a animación musical, danza (zumba) ou as proxeccións audiovisuais.

 

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a vicerreitora de Servizos, Carme Silva, participaron no acto institucional da xornada, no que tamén interviñeron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos. Os dos responsables políticos, logo de dar a benvida a todos os universitarios presentes, felicitáronos por ter escollido a sede universitaria luguesa para formarse, ao tempo que reiteraron o apoio e o compromiso das institucións políticas ás que pertencen co Campus Terra da USC.

 

A xornada 'Benvidos ao Campus Terra' enmárcase dentro do plan de acción do proxecto 'Campus Terra', financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que aspira a fomentar a especialización da sede universitaria luguesa arredor do concepto Terra, entendido este dende unha perspectiva interdisciplinar, isto é, económica, medioambiental, social e cultural.  

 

Outras imaxes


Bueno, entre Méndez e Campos, recibe aos novos estudantes

Campos, Méndez e Bueno, nun posto informativo