Saltar ao contido principal
Xornal

Dous libros da USC, obra mellor editada e mellor coedición universitaria nos XX Premios Nacionais de Edición Universitaria

Actualizada: 15-09-2017 11:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Con el alba: El Cuaderno de Francia (1916) foi recoñecida como a obra mellor editada das 128 presentadas aos XX Premios Nacionais de Edición Universitaria

Dous libros da USC acaban de ser recoñecidos como a obra mellor editada e a mellor coedición universitaria de entre os 128 títulos que concorreron aos XX Premios Nacionais de Edición Universitaria. Na categoría da obra mellor editada, os máis importantes premios da edición universitaria recoñecen o traballo realizado en Con el alba: El Cuaderno de Francia (1916). Manuscrito inédito de Ramón María del Valle-Inclán ­–vol. 9 da Biblioteca de la Cátedra Valle-Inclán–. O xurado concedeu o recoñecemento polo “ alarde de recursos formais empregados, a complexidade técnica e a o equilibrio entre fondo e forma”.

O segundo dos premios foi para Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor. Fomento y apreciación de las artes , editada tecnicamente pola USC en colaboración coas universidades de Granada e Talca (Chile). Designada como mellor coedición interuniversitaria, o xurado valorou “o traballo de colaboración de tres universidades, unha delas americana, sobre a obra dun autor que viviu entre España e Chile”. Integraron o xurado o director do Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet Plans; o reitor da Universitat Jaume I en representación de CRUE, Vicent Climent; o crítico literario Manuel Rodríguez Rivero; a xefa de redacción de ‘El Cultural’ de El Mundo, Nuria Azancot; e a escritora e xornalista de El Pais Berna González Harbour.

Para o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés, os galardóns son “un claro recoñecemento ás capacidades dunha grande universidade, tanto dende o punto de vista da técnica editorial como dos estímulos intelectuais que conducen á edición de obras como as galardoadas. Son premios que, nos dous casos, poñen a énfase no valor da sintonía de intereses e do traballo en equipo”.

Con el alba
En plena Guerra Mundial, o 27 de abril de 1916 Valle-Inclán viaxou a Francia, onde permaneceu dous meses nos que realizou varias visitas á fronte de guerra. Desa experiencia deixou constancia escrita nun pequeno caderno de notas de carácter estritamente privado que dá conta das observacións e impresións do escritor sobre os efectos da guerra na vangarda e a retagarda francesas que coñeceu.

O libro está concibido en forma de tríptico. A súa primeira parte alberga o estudo preliminar, que reconstrúe e interpreta os itinerarios bélicos e urbanos de don Ramón. O centro do tríptico ocúpao o facsímile do caderniño, reproducido de forma autónoma para que o lector o poida ter nas súas mans como se do orixinal se tratase.  Na segunda parte ofrécese unha dobre edición: unha diplomática, que respecta escrupulosamente os trazos propios dunha escritura viva mesmo coas súas erratas ou erros; e un texto para ler, que reconstrúe a orde expositiva de acordo coa súa secuencia cronolóxica. A edición vai acompañada dunha detallada anotación, complementaria do estudo introdutorio co que entabla un constante diálogo.

Álvarez de Sotomayor
As memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor son un “documento transcendental e ata agora inédito” que pon no papel “nin máis nin menos que as memorias do propio artista, redactadas e escritas de seu puño e letra, longo tempo conservadas celosamente polos seus sucesores e que agora ven a luz grazas á xenerosidade da súa neta”. As propias lembranzas, baixo o lema ‘Recuerdos de un viejo pintor’, son o arranque desta proposta editorial conxunta da USC en colaboración coas universidades de Granada e Talca.

Ademais de ter sido protagonista relevante na escena artística española durante boa parte do século XX, Fernando Álvarez de Sotomayor sobresaliu tamén, entre outros aspectos, por ter sido director do Museo do Prado entre 1922 e 1931 e entre 1939 e 1960, ano do seu falecemento. Décadas despois, a súa figura é obxecto de revisión neste volume de cuxa edición son responsable Pedro Emilio Zamorano Pérez, Rodrigo Gutiérrez Viñuales e Juan Monterroso Montero. A partir do propio testemuño do artista, o libro inclúe distintos traballos dun grupo de especialistas que dende ópticas específicas revisan a figura e traxectoria de Álvarez de Sotomayor, así como unha colección de entrevistas ao artista que inciden “no estilo académico e apegado ao gusto oficial que caracterizou a obra de Álvarez de Sotomayor”.

 

Outras imaxes


Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor foi designada mellor coedición interuniversitaria