Saltar ao contido principal
Xornal

A sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural de Pemade arranca no Campus Terra da USC con 26 alumnos

Javier Bueno, Manuel Guaita, Sonsoles López e Ignacio de Oliveira participaron na apertura do posgrao, que inclúe relatorios de Roque Rodríguez e Enrique Nuere

Actualizada: 15-09-2017 12:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Alumnado do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, promovido por Permade

A sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da USC, promovido por Pemade e que conta con financiamento da Fundación Laboral da Construción, botou a andar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, que durante o próximo ano e medio será a sede ou epicentro da formación presencial e telemática (800 horas) que recibirán as 26 persoas matriculadas no máster durante os próximos 18 meses.

 

O director de Pemade e deste máster, un título singular no sistema universitario español pola súa temática, Manuel Gauita; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a deputada provincial responsable da área de Promoción económica e social , emprego, benestar e igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e o representante en Lugo da Fundación Laboral da Construción, Ignacio de Oliveira, foron os encargados de dar a benvida aos novos alumnos e alumnas dun programa de posgrao orientado a profesionais do sector da construción (arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos), aos que pretende formar como titulados especialistas nos aspectos de cálculo e deseño de estruturas de madeira para edificación, tanto arquitectónica como rural, e para proxectos de obra civil.

 

Unha vez rematado o acto de apertura, o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro ofreceu a lección inaugural do curso, nunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Bosques e produción de madeira en Galicia’. Ao seu remate, o propio Rodríguez Soalleiro guiou unha ruta botánica polo Campus Terra da USC.

 

Xa en quenda de tarde, as actividades organizadas co gallo da apertura da sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural teñen continuidade na sede da delegación luguesa do Colexio de Arquitectos, cunha conferencia, a partir das 16.00 horas, a cargo do arquitecto Enrique Nuere Matuco, que é membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. O relatorio de Nuere Matuco leva por título ‘Onte e hoxe da madeira’. Ao seu remate, as persoas asistentes poderán realizar unha visita guiada polo centro histórico de Lugo.

 

Programa do máster en perfil do alumnado

O programa de contidos desta nova edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural de Pemade distribúese en materias que pasan polo coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural segundo o Código Técnico da Edificación, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira, así como a realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e de pontes de madeira. Daquela, este posgrao propio da USC comprende clases teóricas, clases prácticas en aula de informática, visitas a obras, fábricas e centros tecnolóxicos, realización de exames, traballos e proxecto fin de curso. Todo iso a cargo de 60 profesores de distintas universidades e empresas do sector. Una das singularidades deste máster vén dada polo feito de que inclúe no seu programa un curso de especialización en intervención en estruturas de madeira, un módulo formativo de 250 horas de duración que pode ser cursado de forma independente ao máster.

 

As 26 persoas que formalizaron a súa matrícula neste programa formativo propio da USC (22 na súa forma de máster e 4, na de curso de especialización) responden a perfís profesionais moi diversos. Daquela, cómpre indicar que hai 12 arquitectos, 5 arquitectos técnicos, 1 enxeñeiro de montes, 4 enxeñeiros forestais, un enxeñeiro civil, un enxeñeiros de minas, un enxeñeiro de camiños e un titulado en Ciencias Empresariais.

 

A procedencia do alumnado tamén é diversa, o que en parte responde á singularidade temática que representa o máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural de Pemade no conxunto da programación de posgraos ofertados polas universidades españolas. Así, seis estudantes inscritos na sétima edición do máster de Pemade son de Lugo, seis da Coruña, catro de Madrid, tres de Bizkaia, dous de Pontevedra, un de Ourense, un de Oviedo, un de Burgos, un de Barcelona, e un de Gante (Bélxica).

 

Outras imaxes


De esquerda a dereita, Guaita, López, Bueno e De Oliveira, na apertura do máster