Saltar ao contido principal
Xornal

O congreso internacional sobre astronomía na cultura ‘Camiño das estrelas’ reunirá no CEA un cento de especialistas de cinco continentes

Celébrase entre os días 18 e 22 con especialistas de 32 países

Actualizada: 15-09-2017 12:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Centro de Estudos Avanzados da USC acollerá a vindeira semana, entre o luns 18 e o venres 22, o congreso internacional ‘ Camiño das estrelas’, un foro científico promovido conxuntamente polo Departamento de Historia I da USC, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).

Este congreso internacional, que se celebra por vez primeira en Galicia favorecerá o debate sobre a visión do ceo nas distintas culturas e sociedades, desde a Prehistoria ata a actualidade. Está prevista a participación dun centenar de investigadores/as sobre astronomía na cultura procedentes de 32 países de Europa, América, África, Asia e Oceanía.

O evento desenvolverá as súas sesión a través de conferencias, comunicacións orais e pósters e contempla tamén un programa lúdica aberto á participación do público en xeral. De xeito parello á celebración deste congreso, Santiago de Compostela tamén acollerá estes días a reunión anual das tres principais organización de astronomía na cultura do mundo: ISAAC, SEAC e INSAP. No capítulo das conferencias convidadas intervirán, entre outros, Juan Antonio Belmonte (IAC), Clive Ruggles, da Universidade de Leicester; e Giulio Magli (Politécnico de Milán); aos que hai que engadir preto de 120 comunicacións orais e pósteres sobre resultados de investigacións de temáticas que van dende a astronomía megalítica á influencia do ceo na arte contemporánea, pasando por Exipto, Mesopotamia, a cultura inca, a illa de Pascua ou o ceo arredor da Catedral de Santiago.