Saltar ao contido principal
Xornal

Abriu o prazo de inscrición dos cursos e monográficos do Espazo de Fotografía para este curso

Actualizada: 20-09-2017 11:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Este mércores comezou o prazo de inscrición para os cursos e monográficos en Compostela do Espazo de Fotografía da USC para 2017-2018. O alumnado de grao que realice varios destes cursos cumprindo debidamente coa asistencia (80% das horas lectivas), poderán recibir 1 crédito ECTS por cada 25 horas.

A programación comezará coa celebración dun curso de iniciación á fotografía que terá continuidade noutros dous sobre técnica e ollo e visión fotográfica. Este conxunto completarase coa celebración de catro monográficos que arrancarán tratando as crónicas fotográficas, dende as orixes da fotografía ata a contemporaneidade, e que proseguirán achegando formación sobre procesado e retoque dixital; proxectos fotográficos; e técnicas de iluminación.

O primeiro dos cursos celebrarase a partir do próximo 2 de outubro e permitirá ao alumnado adquirir a capacidade de realizar fotografías en modos manuais, manexar os axustes necesarios para obter unha exposición correcta e coñecer as posibilidade técnicas e creativas dunha cámara. O programa desenvólvese en horario de 19.00 a 21.00 horas cun prezo de inscrición de 70 euros para a comunidade universitaria e 95 para o resto. Existe un límite de 25 prazas.

Lugo
No Campus de Lugo o prazo de inscrición igualmente xa está aberto estando previstos tres talleres, dous de fotografía dixital e un terceiro de fotografía química. O alumnado do ‘Curso de fotografía dixital’ nivel 1 poderá validar a súa asistencia, sempre e cando se completen o 80% das horas, por 1 crédito de libre configuración para todas as titulacións.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web da Área de Cultura (http://www.usc.es/gl/servizos/cultura/espazofoto.html) ou contactar a través dos teléfonos 881.811.018 e 881.811.103.