Saltar ao contido principal
Xornal

O Movemento Carmona para a feminización do Dereito Privado reúnese esta semana na USC

Esta quinta edición profunda na cuestión da maternidade e as súas implicacións sociais e xurídicas

Actualizada: 21-09-2017 11:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A inauguración tivo lugar na Facultade de Dereito (Foto: Santi Alvite)

A Facultade de Dereito acolle esta semana unha nova edición do ‘Movemento Carmona para a feminización do Dereito Privado’. Nacido nesa cidade andaluza en 2009, este movemento foi impulsado polas catedráticas de Dereito Civil Rosario Valpuesta, Mª Carmen Gete-Alonso y Calera, Teodora Torres García, Ana Cañizares Laso e María Paz García Rubio como resposta ás súas inquedanzas sobre a invisibilidade da cuestión de xénero no ámbito do dereito privado.

Logo da constituínte, o encontro celebrouse noutras cidades españolas para chegar a súa quinta edición este xoves 21 e o venres á Facultade compostelá de Dereito, cun eixo temático tan importante desde a perspectiva de xénero como é a maternidade e as súas implicacións sociais e xurídicas.

A inauguración do congreso presidiuna este xoves a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro Regueiro, e nela tamén interviñeron a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga; o decano da facultade, Gumersindo Guinarte Cabada; a directora do Congreso, Mª Paz García Rubio; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Programa
Logo da apertura tivo lugar o relatorio ‘Maternidad(es) no século XXI: Unha ollada dende a demografía’ a cargo da socióloga e demógrafa Teresa Castro, ao que lle seguiu Silvia Tamayo Haya, profesora de dereito civil da Universidade de Cantabria, con outro titulado ‘Alcance e límites do dereito a procrear’.

A sesión da tarde comeza coa intervención da catedrática de Dereito civil da Universidade de La Laguna Mª Elena Sánchez Jordán sobre os dereitos económicos da nai soa fronte ao outro proxenitor. A partir de aí haberá un coloquio e debate sobre o tratado na xornada.

O programa do venres contempla o relatorio ‘O recoñecemento da filiación derivada da maternidade subrogada’ a cargo do catedrático da USC Santiago Álvarez González.

 

Outras imaxes


De dereita a esquerda, Consuelo Ferreiro, Milagros Otero, Juan José Martín, Susana López, Gumersindo Guinarte e Mª Paz García (Foto: Santi Alvite)