Saltar ao contido principal
Xornal

Comezou na USC o XIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración

Actualizada: 20-09-2017 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

No acto inaugural participaron o reitor Juan Viaño e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Foto: Servimav-USC

A Universidade de Santiago e a Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA) inauguraron este mércores en Compostela o XIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración. No acto participaron o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Xunto a eles interviñeron a presidenta do comité organizador, Nieves Lagares; o presidente da AECPA, Joaquím Brugé; o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Cristóbal Torres; e o subdirector de Estudos e Investigación do Centro de Estudios Políticos e Constitucionais, Rafael Rubio.

A conferencia inaugural correu a cargo da directora de investigación do Centro Nacional para a Investigación Científica de París, Catherine Wihtol de Wenden. Esta recoñecida politóloga francesa centrou a súa investigación, durante máis de trinta anos, na migración internacional dende un enfoque de ciencia política e de dereito público. Estudou no Instituto de Estudos Políticos de París (Sciences Po) e na Universidade París 1 Panthéon-Sorbonne. Publicou vinte libros e máis de 150 artigos académicos. Foi ademais presidenta do Comité de Investigación Sociolóxica das Migracións da Asociación Internacional de Socioloxía (ISA) e colaborou como experta en varias organizacións internacionais como a OCDE, ACNUR, o Consello de Europa e a Comisión Europea. En 2014 foi nomeada Cabaleira da Lexión de Honra francesa.

Ata este venres reuniranse na Facultade compostelá máis de 60 grupos de traballo distribuídos en seis áreas especializadas. Baixo o lema ‘A fortaleza de Europa: valados e pontes’, no congreso participarán máis de cincocentos especialistas que presentarán un total de 630 relatorios en torno a cuestións como a xestión pública, o comportamento político, a teoría política, os estudos internacionais ou as institucións.

A AECPA ven celebrando o seu congreso bienal nas diferentes universidades españolas con estudos de Ciencia Política dende 1994. Nestes máis de vinte anos de percorrido, tense convertido no evento académico de Ciencia Política máis importante de España. O XIII Congreso será o segundo que se celebre en Santiago de Compostela, logo do de 1996 coincidindo coa conmemoración do V Centenario da USC.

 

Outras imaxes