Saltar ao contido principal
Xornal

A Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC rescata do pasado o legado de Nicolás Guillén nun foro no Campus Terra

O poeta Carlos Martí abre en Humanidades unha xornada conmemorativas dos 70 anos de ‘El son entero’ que inclúen este xoves un debate sobre poesía e política

Actualizada: 20-09-2017 14:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Responsables académicos da USC e relatores participantes nas xornadas sobre Nicolás Guillén, en Humanidades

A Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC, dirixida pola profesora de Literatura Hispánica e Hispanoamericana Ana Chouciño, botou a andar este mércores na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC as xornadas ‘Nicolas Guillén y El son entero’, un foro conmemorativo do 80 aniversario do II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, celebrado en Valencia en 1937 e que selou o compromiso de moitos poetas latinoamericanos coa II República e a súa repulsa emocional da Guerra Civil, e dos 70 anos da publicación de ‘El son entero’, obra clave da literatura hispanoamericana do século XX, na que Nicolás Guillén amosa de xeito singular a esencia da cultura cubana nas súas raíces española e africana.

 

O poeta Carlos Martí Brenes, da Unión de Escritores e Artistas de Cuba (Uneac) foi o encargado de abrir a quenda de relatorios programados no marco deste de foro, cunha intervención baixo o título ‘¿Cómo se encuentra, maestro? ‘Up to day’. De seguido, Maryalys Perdomo, da Universidade de La Habana, ofreceu a charla ‘El son entero, revisitacións e homenaxe, todo mesturado’. Stephen Silverstein, da Universidade de Baylor, pechou o programa matinal cunha exposición sobre Nicolás Guillén e as perspectivas do século XXI. Xa en quenda de tarde, o cantautor Alexis Díaz Pimienta guiou o obradoiro de poesía ‘Guillén decimista. A improvisación poética’.

 

O profesor da Universidade de La Habana Rafael Acosta ofrecerá este xoves xoves 21, ás 10.00 horas, o último relatorio da xornada ‘Nicolás Guillén y El son entero’, unha sesión que leva por título ‘Ideas sobre o mar, intelectuais cubanos e a República española’. De seguido, todos os relatores convidados a participar nesta xornada literaria de marcado carácter conmemorativo, pero tamén orientada á realización dun labor esexético da obra de Nicolás Guillén e acaída para reflexionar sobre o cometido da poesía como canle privilexiada do rexistro de feitos históricos e sociais, participarán nunha táboa redonda sobre poesía e política. Unha mostra fotográfica sobre Nicolás Guillén, presentada por Rafael Acosta, servirá de colofón da xornada.

 

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, a directora da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC, Ana Chouciño, e o vice decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, participaron no acto de apertura destas xornadas.