Saltar ao contido principal
Xornal

Tres proxectos da USC acadan 1,3 millóns de euros do programa Ignicia

Actualizada: 21-09-2017 12:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os tres proxectos da USC seleccionados para o Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación (Gain) acadaron un financiamento de preto de 1,3 millóns de euros. A iniciativa pretende facilitar o acceso ao mercado das iniciativas impulsadas por investigadores galegos.

Nunha primeira fase deste fondo de proba de concepto seleccionáronse 25 proxectos, dos que finalmente só quedaron sete. Xunto cos tres da USC hai outros tantos da Universidade de Vigo e un de Gradiant.

O da USC con maior financiamento –838.820 euros– é Oncometa, que traballa nun nanosistema polimérico desenvolvido polo grupo de María José Alonso que demostrará as súas vantaxes no campo da oncoloxía. Os seus investigadores pretenden situar esta tecnoloxía da USC baseada en nanopartículas como unha empresa spin-off lista para investimento.

Pola súa banda, o proxecto MATPRINT acadou 241.700 euros para valorizar unha tecnoloxía desenvolvida polo grupo de Francisco Guitian para a fabricación de pezas biocerámicas e catalizadores mediante impresión 3D.

O terceiro proxecto, que lidera Rubén Nogueiras, tratará de demostrar que un fármaco, que na actualidade xa é xenérico, pode ser aplicado tamén para o tratamento de esteatose hepática non alcohólica mediante unha nova formulación oral. REPROSTEATOSIS recibiu 198.000 euros de financiamento.

Apoio da AVTE
Para presentarse a esta convocatoria os grupos de investigación contaron co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Este servizo da USC, encargado da xestión do proceso de transferencia de resultados de investigación, participou ademais en reunións con GAIN para traballar nos proxectos que superaron con éxito a primeira fase da convocatoria, asesorándoos nos pasos necesarios para alcanzar a comercialización dos resultados da forma máis axeitada.