Saltar ao contido principal
Xornal

EPS de Enxeñaría de Lugo, un trampolín cara o mundo

O boirense Pablo Ríos amplía en Noruega a súa formación tras estadías en Finlandia, Brasil e Sudáfrica mentres cursaba o grao de Enxeñaría Forestal e do Medio Natural

Actualizada: 21-09-2017 18:28
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Pablo Ríos, durante a súa estadía na rexión sudafricana de Baviaanskloof

O boirense Pablo Ríos Tubío tense convertido nun dos mellores embaixadores do Campus Terra da USC durante os anos nos que completou na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría  da sede universitaria luguesa os estudos de  Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, un intenso período de formación e aprendizaxe durante o que atopou tempo e folgos para completar estadías de estudo, investigación e voluntariado nas universidades brasileiras de Brasilia e Sâo Paulo, na University of Eastern Finland (Finlandia), así como na reserva natural de Baviaanskloof, unha rexión catalogada de patrimonio mundial localizada ao sudeste de Sudáfrica.

 

As obrigas académicas non semellan ser un obstáculo insuperable para este universitario itinerante, un estudante atípico e coas alforxas repletas da vivencias internacionais que vén de completar esta semana o título de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural tras sortear con éxito o último escollo, a presentación do seu Traballo de Fin de Grao (TFG) na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC.

  

A consecución desta meta académica non mudou nin un ápice as preferencias nin os intereses deste novo enxeñeiro, quen, apenas unhas horas despois de formalizar os méritos e os procedementos para a consecución do título, embarcou de novo nun avión, neste caso rumbo a Noruega, onde permanecerá ata finais de ano cun proxecto de investigación sobre secuestro de carbono no Centro Tecnolóxico de Mongstan, unhas instalacións que acubillan o maior centro experimental de captura e almacenamento de CO2.

 

Pablo Ríos emprendeu este mércores a súa aventura nórdica co firme propósito de continuar a traballar e a investigar en prol da mellor conservación da natureza, pero tamén coas expectativas de gozar dunha experiencia tan satisfactoria como a vivida durante a última primavera en Sudáfrica, onde “tiven unha das mellores experiencias da miña vida, moi enriquecedora no ámbito persoal, académico e profesional”, di.

 

Estadía en Sudáfrica da man de Living Lands

A oportunidade de traballar en Sudáfrica xurdiulle a Pablo Ríos pouco menos que por casualidade cando estaba a completar unha estadía en Brasil, onde se presentou a posibilidade de colaborar como voluntario coa rede de aprendizaxe Presence Learning Network (PLN). Esta rede abarca tres zonas de actuación en Sudáfrica (Langkoof, Baviaanskloof e Sneeuberg) e colabora na restauración social e ecolóxica  do país africano coa ONG Living Lands, unha organización que mantén convenios coa USC, entre outras moitas universidades, centros e institutos de investigación nacionais e internacionais, e que recibe a estudantes de todo mundo a través do programa PNL.

 

Pablo Ríos permaneceu en Sudáfrica tres meses, desde comezos de marzo ata finais de maio. Neste período, no que avanzou no desenvolvemento do seu TFG, coincidiu en Baviaanskloof con universitarios e investigadores de todo o mundo que atoparon na Presence Learning Network (PLN) unha vía acaída para desenvolver os seus respectivos proxectos de fin de carreira, proxectos de investigación e mesmo teses de doutoramento.

 

A amplitude da oferta de liñas de traballo no eido da conservación e recuperación ambiental na que poden colaborar os voluntarios e a liberdade de que gozan son factores que non pasaron por alto para este enxeñeiro formado no Campus Terra da USC, que traballou en Sudáfrica nun proxecto de recuperación da capa vexetal duns terreos da rexión de Baviaanskloof asolados por mor do excesivo pastoreo. “A paisaxe era espectacular, con abundancia de vida salvaxe” relata Pablo Ríos, para logo engadir que “o proxecto xurde coma unha idea en papel que logo intentas desenvolver e poñer en práctica. É un caso real”.

 

“Os estudantes que traballamos en campo contamos con supervisores, pero tamén pasamos moitas horas con outros operarios locais, cos que temos que colaborar, e tamén coas familias que viven no territorio en cuestión, dos que aprendemos a cultura e o estilo de vida local”, explica Pablo Ríos, ao tempo que reitera o seu agradecemento tanto á rede PNL como á ONG Leaving Lands por ter vivido esta rica experiencia.

 

Outras imaxes


Pablo Ríos, nos exteriores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo