Saltar ao contido principal
Xornal

25 estudantes de secundaria comezaron a aventura matemática de Estalmat

Durante 20 sábados do curso participarán en diversas actividades de estímulo do talento matemático

Actualizada: 23-09-2017 13:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor, Juan Viaño cos participantes en Estalmat

Acompañados das súas familias, os 25 estudantes que conforman a 11ª promoción de Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático participaron este sábado no acto inaugural do curso, que tivo lugar na Facultade de Matemáticas, presidido polo reitor Juan Viaño, presidente á súa vez do programa na comunidade galega. Estalmat trata de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.

Estes 23 rapaces e dúas rapazas foron seleccionados o pasado 3 de xuño de entre un total de 345 (227 homes e 118 mulleres) de toda Galicia nacidos en 2004 e 2005. Os participantes procedían na súa maioría das provincias da Coruña (178) e Pontevedra (142), seguidos das de Lugo (16) e Ourense (9), tanto do ensino público (267) como do privado (78). Os desta promoción son da Coruña (14), Lugo (3), Ourense (1) e a Pontevedra (7).

As actividades vanse desenvolver na Facultade compostelá nas mañás de 20 sábados do curso académico cun equipo docente de 52 profesores. Entre as novidades, manipularán unhas cúpulas de Leonardo, participarán nun concurso de fotografía matemática e traballarán cos exemplares da Unidade didáctica ‘María Wonenburger: Unha científica adiantada ao seu tempo’. Asimesmo, ESTALMAT-Galicia mantén o programa ESTALMAT Pi, dirixido a manter o contacto dous anos mais con actividades impartidas en 12 sábados do curso.

Na apertura deste curso participaron tamén a decana da Facultade e coordinadora xeral do programa, Elena Vázquez Cendón; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; a deputada da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto; o deputado da Deputación Provincial da Coruña, Antonio Leira Piñeiro, o director do Instituto de Matemáticas da USC, Alberto Cabada Fernández; a xefa do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, Mª Luz González, e o representante dos docentes que avalan os estudantes nas probas, Federico Silva Cobas, profesor de Matemáticas do IES Rosalía de Castro de Santiago. A presentación da 11ª promoción fíxoa a coordinadora académica e secretaria do Comité organizador de ESTALMAT-Galicia, Marina Gemiñás. 

Ao final do acto, o grupo de estudantes partiu nun campamento matemático no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Vilarmaior na Coruña. Compartirán a fin de semana con eles o responsable do campamento, o profesor Victor Pollán; a responsable de Relación coas Familias, Covadonga Rodriguez-Moldes, e as extalmateiras BárbaraRodríguez Presedo e Marina López Seoane, que actualmente cursan na USC o grao en Matemáticas e o dobre grao de Matemáticas e Física, respectivamente.

Un programa consolidado

ESTALMAT-España leva implantándose desde 1998 en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Nos seus dez anos de vida, ESTALMAT-Galicia examinou a máis de 3.000 estudantes e seleccionou finalmente a 275.

O proxecto está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC e conta co apoio financeiro da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT). ESTALMAT-Galicia, pilotado por membros da Facultade compostelá, ten un financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.