Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor da USC Eugenio Otero Urtaza, nomeado presidente da Sociedade Española de Historia da Educación

Actualizada: 22-09-2017 13:36
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Eugenio Otero Urtaza

O profesor de Teoría e Historia da Educación do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra Eugenio Otero Urtaza vén de ser nomeado novo presidente da Sociedade Española de Historia da Educación (Sedhe), unha sociedade científica que reúne investigadores e docentes do campo da Historia da Educación de todas as universidades españolas, así como dalgúns países de Europa e América Latina.

A vinculación de Otero Urtaza con esta sociedade científica é lonxeva e remóntase a case tres décadas, pois este docente da USC forma  parte do elenco de persoas que promoveron en 1989 a fundación da Sociedade Española de Historia da Educación, unha  entidade que empezou a xermolar dez anos antes como unha das seccións constituídas en 1979 no marco da Sociedade Española de Pedagoxía.

Otero Urtaza, profesor e investigador da USC, recoñecido no plano internacional polos seus estudos e investigacións sobre as misións pedagóxicas da Institución Libre de Ensinanza, e tamén polos seus traballos sobre a figura e o legado de Manuel Bartolomé Cossío e Francisco Giner de los Ríos, sucede na presidencia da Sociedade Española de Historia de Educación á catedrática da Uned Gabriela Ossenbach Sauter, con quen colaborou estreitamente durante o seu mandato en calidade de vicepresidente.

A articulación, coordinación e posta en marcha do máster universitario en Dirección de Actividades Educativas da Natureza, un programa oficial de posgrao impartido na Facultade de Formación do Profesorado da USC e singular pola súa temática, estrutura e contidos no conxunto da universidade española, constitúe outra das achegas destacadas do labor desenvolvido por Otero Urtaza.

O nomeamento do novo presidente da Sociedade Española de Historia da Educación formalizouse este venres en Madrid, trala celebración dunha asemblea xeneral extraordinaria da citada sociedade científica, na que os socios apoiaron a candidatura liderada por Otero Urtaza.