Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e o Instituto da Muller desenvolven en Madrid o congreso Innovatia 8.3 sobre emprendemento feminino de base tecnolóxica

Actualizada: 25-09-2017 13:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades organizan o Congreso Innovatia 8.3 que se celebra este martes 26 en Madrid co lema ‘ Emprendemento feminino de base tecnolóxica’. Na xornada trataranse temas relacionados co emprendemento no ámbito científico e tecnolóxico, contando coa participación de reitoras de universidades públicas españolas debatendo sobre a aposta pola igualdade dende as institucións universitarias e os seus procesos de transferencia de coñecemento á sociedade.

A USC e o Instituto da Muller levan anos traballando conxuntamente para que se identifiquen, analicen e apliquen perspectivas de xénero nas diferentes áreas de transferencia do coñecemento universitarias. Innovatia 8.3 traballa para que os procesos de axuda á creación de empresas de base tecnolóxica que se realizan nas universidades rompan cos sesgos existentes do emprendemento e axuden a visibilizar as mulleres que se teñan posto ao fronte de iniciativas empresariais, xerando valor social e empresarial e sendo axentes activos na sociedade do coñecemento.

O programa inclúe a conferencia inaugural que pronunciará Elena Canetti, de Inveniam Group, para dar conta da súa experiencia en transferencia tecnolóxica entre España e Israel. Ademais están previstas dúas mesas redondas sobre instrumentos para a incorporación da perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e unha segunda co título ‘Reitoras e reitores, as mulleres nas universidades, as carreiras científicas e os plans de igualdade’. Ademais haberá outras tres intervencións para presentar a Rede Innovatia 8.3 e o catálogo de spin-off universitarias en España, as redes de mulleres ou fontes de financiamento entre outras cuestións.