Saltar ao contido principal
Xornal

O Sistema de Contabilidade Analítica, un exemplo de boas prácticas para as universidades españolas

Premiado co premio Boas Prácticas en Xestión Universitaria que promove o CEG en colaboración con Red Telescopi

Actualizada: 22-09-2017 14:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Miguel A. López, Elsa Mosquera, Ramón López, Alfonso Davalillo e Mercedes Hernández

O Sistema de Contabilidade Analítica da USC acaba de ser recoñecida co premio de Boas Prácticas en Xestión Universitaria 2017 convocado en colaboración con Red Telescopi (rede de Observatorios de Buenas Prácticas de Dirección Estratégica Universitaria en Latinoamérica y Europa). O recoñecemento foi entregado  este venres no transcurso da Asemblea Xeral do Foro de Universidades do Club Excelencia en Gestión (CEG), encontro exclusivo para as universidades socias do CEG no que se analizan os resultados das diferentes actuacións desenvolvidas por parte do equipo de coordinación ao longo deste último ano, con especial atención aos avances do proxecto sobre o Modelo Global que incorporará AUDIT e EFQM.

Á convocatoria do premio concorreron un total de vinte propostas, correspondentes tanto ás boas prácticas de 2016 e como ás de 2017. Do total preseleccionáronse por parte do comité de avaliadores EFQM nacionais un total de dez prácticas que superaron un baremo de 21 puntos sobre 30. Xunto con CANOA, superou o primeiro proceso de selección unha segunda proposta da Universidade compostelá, o Assessment Center da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Esta última será exposta no xornal dixital do CEG ‘Visión’ así como na plataforma AGORACEG co obxecto de poder compartila.

A posta en práctica de ambas actuacións na USC ten reportado vantaxes e resultados relevantes a distintos niveis, polo que a posta en común desta experiencia acumulada podería erixilos como posibles referentes a seguir para a mellora tanto dentro da propia institución como para outras universidades.

De mans do vicerreitor de Políticas de Formación e Calidade Educativa da Universidade de Valencia, Ramón López, recibiron o premio en representación da USC a xefa do Servizo de Control Interno, Elsa Mosquera, e o técnico de Xerencia Miguel Anxo López. Tamén interviñeron na entrega o coordinador do Foro de Universidades, Alfonso Davalillo, e a director do CEG, Mercedes Hernández.

Contabilidade analítica
A contabilidade analítica é un sistema cuxa principal finalidade é a de proporcionar á organización información relativa aos custes nos que incorre ao elaborar os seus produtos ou prestar o seus servizos. No ámbito universitario, aplícase o modelo CANOA, a través de cuxa implantación a USC dispón dunha potente ferramenta que lle permite analizar en detalle a eficacia, eficiencia e economía de cada unha das actividades realizadas e os recursos destinados ás mesmas.

A análise de resultados obtidos permite reorientar estratexias e argumentalas, á vez que se proporciona un indicador fundamental para o control da xestión. En paralelo, a publicación dos resultados permite avanzar no obxectivo de transparencia dentro e fóra da institución.

Assessment Center
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) implantou un Assessment Center (AE) no curso 2008-2009 co obxecto de avaliar as competencias transversais adquiridas polos seus estudantes. Esta técnica é habitual nos procesos de selección, utilizada para medir as características ou variables persoais necesarias para desenvolverse eficazmente nun determinado posto.

O deseño específico desta técnica para a ETSE realizouno o grupo de investigación de Recursos Humanos e Rendemento da USC. Os resultados serven como indicadores para a orientación de accións de mellora relacionadas coa adquisición de competencias transversais.

 

Outras imaxes


Miguel A. López e Elsa Mosquera, nun momento da súa presentación ante o Foro de CEG