Saltar ao contido principal
Xornal

A USC amplía ata o 29 de setembro a inscrición no taller de fotografía química que se desenvolverá en Veterinaria

Actualizada: 22-09-2017 14:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Oficina de Cultura da USC no campus de Lugo vén de ampliar ata o 29 de setembro o prazo de inscrición no obradoiro de fotografía química incluído na programación formativa do Espazo de Fotografía da USC na sede universitaria luguesa e que será impartido por Eduardo Ochoa, fotógrafo e integrante do Grupo Cinematográfico Fonmiñá.

 

Os contidos deste obradoiro permitirán ao alumnado ampliar o seus coñecementos sobre o funcionamento dunha cámara fotográfica, ademais de aprender as técnicas e recursos para sacarlle todo o partido posible á imaxe no  laboratorio. O programa deste curso, o primeiro dos que celebrará o Espazo de Fotografía da USC en Lugo, tamén contempla o estudo da obra dos grandes mestres da fotografía.

 

As clases deste taller de fotografía química, estruturado en 25 horas formativas e para o que se ofrecen un máximo de 15 prazas, desenvolveranse os luns e mércores na aula 8 da Facultade de Veterinaria de Lugo en quenda de tarde, de 19.00 a 21.30 horas. As sesión formativas comezarán o 2 de outubro e rematarán o 8 de novembro.

 

O XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra, unha das actividades programadas pola Oficina de Cultura da USC en Lugo ao abeiro do convenio Lugocultural, mantén aberto o prazo para inscribirse ata as 14.00 horas do luns 25. Os participantes nesta edición do certame coñecerán ao día seguinte, ás 10.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, o tema proposto por la organización.

 

Aula de Teatro USC-Lugo

A Aula de Teatro USC-Lugo, coordinada por Paloma Lugilde, celebrará unha reunión informativa o luns 25, ás 20.00 horas, nas instalacións da Aula de Teatro, sita no edificio de aularios da Facultade de Veterinaria, para dar a coñecer a todas as persoas interesadas as distintas actividades programadas este curso pola USC para achegarse ao mundo do teatro, ampliar os coñecementos e a formación, así como para formar parte da compañía de teatro USC-Lugo.

 

A programación da Aula de Teatro da USC en Lugo mantén abertos os prazos de inscrición en todos os cursos ofertados para este curso. A primeira das actividades formativas é o obradoiro de monicreques impartido por Marga Portomeñe e cuxas sesións formativas comezarán o mércores 27. O prazo de inscrición aínda está aberto.