Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade de Santiago e a Fundación de Investigación HM Hospitales establecen un marco de colaboración

Actualizada: 25-09-2017 12:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Juan Viaño co presidente de HM Hospitales, Juan Abarca

A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación de Investigación HM Hospitales asinaron un convenio marco de colaboración en accións de investigación, docencia e desenvolvemento. O reitor Juan Viaño recibiu esta mañá no seu despacho de San Xerome ao presidente de HM Hospitales, Juan Abarca Cidón, e ao director da Fundación, Cristóbal Belda, para formalizar o acordo.

En concreto, ambas as dúas institucións traballarán conxuntamente en actuacións de cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico, na execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento e na organización de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico. Na xuntanza desta mañá participaron tamén o vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente da USC, Luis Lima; o subdirector xeral de HM Hospitales, Jesús Peláez; e a directora médica territorial e director territorial de HM Hospitales en Galicia, Pilar Múgica e Ramón Cobián, respectivamente.

Tanto Juan Viaño como Juan Abarca trataron outro ámbito de actuación do acordo,  que como todos deberá ser desenvolvido e definido nun convenio específico, como é o establecemento de programas para a realización de prácticas externas para o alumnado da Universidade compostelá.

Para garantir o correcto desenvolvemento e cumprimento do acordado, constitúese unha comisión mixta integrada polo vicerreitor Luís Lima e por Cristóbal Belda Iniesta, da Fundación

Tras a reunión mantida en San Xerome, Abarca Cidón mostrou a súa satisfacción polo convenio asinado coa USC. “A través deste acordo, HM Hospitales dá unha nova mostra da súa implicación en Galicia e cos galegos. Ademais, trátase dunha iniciativa de grande importancia institucional e que, mediante a súa aplicación, nos permitirá manter o crecemento nos tres pilares básicos do noso grupo como son a asistencia, a docencia e a investigación. Todo iso, co fin último de ofrecer nos nosos hospitais a excelencia en canto a servizos asistenciais, que só se logra cando a docencia e a investigación forman parte da mesma”.

Pola súa parte, Cristóbal Belda manifestou que a Fundación de Investigación HM Hospitales “ sempre defendeu a actividade científica como unha ferramenta clave para o progreso. A través deste acordo ampliamos as nosas redes de cooperación científica e achegamos os nosos medios para que os profesionais teñan unha formación completa”.

 

Outras imaxes


Foto de grupo con representantes HM Hospitales e Fundación