Saltar ao contido principal
Xornal

Aberta a inscrición na xornada sobre a modernización do Dereito en cuestións que afectan a mocidade

Actualizada: 25-09-2017 13:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Esta semana desenvolveranse na Facultade de Dereito as xornadas ‘Propostas de modernización do Dereito en cuestión que afectan a mocidade’, que terán como principais eixes temáticos a discapacidade, os menores, a violencia de xénero, as parellas de feito e as novas tecnoloxías.

As xornadas contarán con especialistas e representantes de asociacións de menores, discapacitados e vítimas de violencia de xénero, que se distribuirán en catro mesas redondas e un obradoiro. De carácter gratuíto e con inscrición previa, o encontro está principalmente destinado, aínda que non exclusivamente, á xente nova, sen ser preciso ser estudante de Dereito.

A inauguración será o xoves 28 ás 10.00 horas na sala de xuntas do Decanato da facultade, e a continuación terá lugar o primeiro debate sobre discapacidade na que participarán a catedrática da USC e membro da Comisión de Codificación M. Paz García Rubio; o notario de Rianxo José María Rilo Nieto; a representante da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia Eugenia Amoedo; representantes da Federación DOWN Galicia, e o profesor da USC experto en prestacións públicas por discapacidade, Javier Ferreira Fernández.

A segunda mesa redonda, titulada ‘Problemas xurídicos que teñen como protagonistas os menores’ , terá lugar ás 12.15 horas e nela participarán o catedrático Santiago Álvarez González; Eugenia Amoedo Lusquiños; e os doutorandos de Dereito Civil Julia Ammerman Yebra e Ignacio Varela Castro.

A presenza da violencia de xénero en idades temperás será o tema a tratar na sesión do venres 29, na que intervirán a fiscal experta en violencia de Xénero Aranzazu Sanjosé González; a presidenta de Velaluz (Asociación galega para a defensa de mulleres e nenos superviventes da violencia de xénero e/ou abusos), Gloria Vázquez; a doutoranda de Dereito Penal María Castro Corredoira; e as profesoras Natalia Pérez Rivas e Cristina Alonso Salgado.