Saltar ao contido principal
Xornal

O XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC xira as olladas cara as relacións entre persoas e máquinas

Máis de 40 persoas toman parte neste certame, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e dotado con 600 euros e trofeos para as persoas premiadas

Actualizada: 26-09-2017 11:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Eduardo Ochoa e Javier Bueno, no centro, con participantes no XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC

As persoas e as máquinas e a diversidade de relacións, utilidades, necesidades e ata dependencia que as une, constitúen o tema proposto polos organizadores do XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan Concello e Deputación de Lugo xunto coa USC e que repartirá 600 euros e trofeos entre os autores das dúas fotografías máis valoradas polo xurado.

 

O foco das cámaras fotográficas das máis de 40 persoas que formalizaron a súa inscrición nesta cita percorrerán hoxe rúas, barrios e bisbarras na procura de imaxes, paisaxes e ou situacións que reflictan ou simbolicen a cada vez máis estreita, que non sempre harmónica, relación que une as persoas coas máquinas, tal e como acordaron os membros da organización do XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC, un certame aberto a todos os públicos e que xa se ten consolidado como unha homenaxe á fotografía desde Lugo.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, informou este martes ás persoas inscritas que se deron cita na Casa do Saber sobre as singularidades desta edición do maratón fotográfico do Campus Terra da USC, unha cita na que ten cabida a fotografía analóxica e a dixital e na que tamén se deixa vía libre á creatividade dos participantes tanto no tema proposto como na modalidade libre.

 

O coordinador do Espazo de Fotografía do campus de Lugo e membro do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, subliñou neste senso que un dos obxectivos deste certame fotográfico e favorecer e, se cabe, estimular a creatividade dos afeccionados á fotografía. Asemade, engadiu, as persoas inscritas teñen que presentar unha fotografía relacionada co tema proposto pola organización, así como outra imaxe de temática libre.

 

Prazos de entrega e trofeos

A actividade fotográfica propiamente dita do XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC desenvolverase a partir das 10.00 horas do martes 26 de setembro ata as 14.00 horas do día seguinte, cando remata o prazo habilitado pola organización para recoller todo o material presentado a concurso. As persoas interesadas deben presentar as súas respectivas propostas artísticas nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo da USC, sitas no edificio da Vicerreitoría de Coordinación.

 

Os organizadores do XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 600 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 250 euros, diploma e trofeo.

 

Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame, a organización fará unha escolma entre as imaxes presentadas a concurso, tanto entre as galardoadas como as non premiadas, a fin de que todos os autores/as estean representados con algún dos seus traballos. Este material fotográfico, co que está previsto editar un catálogo dixital, tamén será exposto ao público no marco dunha exposición que poderá visitarse nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo a partir do 8 de novembro, data na que está prevista a celebración da entrega de premios ás persoas autoras das imaxes galardoadas.