Saltar ao contido principal
Xornal

Unhas xornadas debaten sobre a modernización do Dereito en cuestións que afectan a mocidade

Actualizada: 27-09-2017 09:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As xornadas ‘Propostas de modernización do Dereito en cuestión que afectan a mocidade’ celebraranse na Facultade de Dereito este xoves 28 e o venres 29 para debater coa  discapacidade, os menores, a violencia de xénero, as parellas de feito e as novas tecnoloxías como principais eixos temáticos. As xornadas contarán con especialistas e representantes de asociacións de menores, discapacitados e vítimas de violencia de xénero, que se distribuirán en catro mesas redondas e un obradoiro. De carácter gratuíto e con inscrición previa, o encontro está principalmente destinado, aínda que non exclusivamente, á xente nova, sen ser preciso ser estudante de Dereito.

A inauguración será o xoves 28 ás 10.00 horas na sala de xuntas do Decanato da Facultade, e a continuación terá lugar o primeiro debate sobre discapacidade na que participarán a catedrática da USC e membro da Comisión de Codificación M. Paz García Rubio; o notario de Rianxo José María Rilo Nieto; a representante da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia Eugenia Amoedo; representantes da Federación DOWN Galicia, e o profesor da USC experto en prestacións públicas por discapacidade, Javier Ferreira Fernández.

A segunda mesa redonda, titulada ‘Problemas xurídicos que teñen como protagonistas os menores’ , terá lugar ás 12.15 horas e nela participarán o catedrático Santiago Álvarez González; Eugenia Amoedo Lusquiños; e os doutorandos de Dereito Civil Julia Ammerman Yebra e Ignacio Varela Castro. Pola tarde, a partir das 16.00 horas está previsto un obradoiro no que se exporán casos reais e simulación de trámites a través do testemuño de profesionais da avogacía e da xudicatura, de ASANOG e Federación Down Galicia, así como notarios/as, fiscais e docentes.

A presenza da violencia de xénero en idades temperás será o tema a tratar na sesión do venres 29, na que intervirán afiscal experta en violencia de Xénero Aranzazu Sanjosé González; a presidenta de Velaluz (Asociación galega para a defensa de mulleres e nenos superviventes da violencia de xénero e/ou abusos),Gloria Vázquez; a doutoranda de Dereito Penal María Castro Corredoira; e as profesoras Natalia Pérez Rivas e Cristina Alonso Salgado.