Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto europeo PAThOGEN converte a EPS de Enxeñaría da USC en centro de formación integral de viticultores galegos

Actualizada: 28-09-2017 14:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Monitores e participantes no curso piloto de nivel básico promovido ao abeiro do proxecto PAThOGen na EPS de Enxeñaría de Lugo

O proxecto europeo PAThOGEN, no que participan socios de tres países europeos e que en España conta como representantes co grupo de investigación do Campus Terra da USC Vitis Research, coordinado pola profesora da USC na EPS de Enxeñaría Cristina Cabaleiro, así como coa Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), está a converter estas semanas a capital luguesa nun centro de formación para os viticultores galegos, a través da celebración de cursos piloto, un de nivel básico e outro avanzado, nos que se achegan os coñecementos precisos para identificar os síntomas dos virus que causan danos nas vides e nos viñedos, e tamén se aporta formación respecto das técnicas de recomendable aplicación para controlar e evitar a súa propagación.

 

O Instituto Francés da Vide e do Viño (IFV), que lidera o proxecto, e o Centro para a Investigación e Economía Agraria de Italia (CREA) tamén están entre os socios de PAThOGEN, un proxecto europeo cunha duración de tres anos, que recibe financiamento do programa Erasmus+ e no que tamén colabora a spin off Horta, creada na Universidade Católica do Sagrado Corazón de Milán.

 

As accións formativas programadas ao abeiro do proxecto PAThOGEN por Feuga e o grupo de investigación Vitis Research están a congregar no Campus Terra da USC arredor de medio centenar de participantes, entre os que figuran viticultores, viveiros, asesores, técnicos e mesmo investigadores, aos que, a través das distintas sesións organizadas se lles ofrece unha aprendizaxe integral e práctica sobre o manexo de enfermidades víricas da vide.

 

O obxectivo destes cursos piloto son os mesmos que os do proxecto PAThOGEN e xiran arredor da formación como ferramenta clave para a prevención. De feito, este proxecto europeo botou a andar en 2016 coa intención de dotar aos viticultores e demais axentes implicados no sector vitícola dos coñecementos necesarios para identificar os síntomas dos virus que afectan a viñedos, ademais das técnicas acaídas para avanzar no seu control e frear a súa propagación.

 

Os distintos socios que participan en PAThOGEN  aproveitaron os primeiros meses de traballo para desenvolver e poñer en marcha unha plataforma de tele formación ou formación e-learning, un novo servizo que está operativo e accesible desde o pasado mes de xullo. Esta plataforma de formación e-learning inclúe contidos temáticos elaborados polo socios investigadores (USC, IFV e Crea), aos que poden acceder libremente as persoas que están a participar neste cursos piloto, nos que se alternan sesións de carácter teórico con saídas ao campo.

 

O curso piloto de nivel básico celebrado a pasada semana na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC permitiu ás persoas participantes observar as vides plantadas na sede universitaria luguesa, ademais de visitar os viñedos  de experimentación de que dispón a USC no concello de Portomarín. Unha vez completada esta formación inicial, o Campus Terra da USC acollerá este sábado 30 de setembro o módulo de formación avanzada. Este tipo de cursos, subliñan os organizadores, achegan formación práctica en viñedos de utilidade para o recoñecemento dos síntomas de virus, a fin de evitar as súa confusión, e tamén para a toma de mostras.

 

Virus máis comúns en Galicia

En Galicia, as patoloxías de maior incidencia nas cepas son as provocadas polo chamado virus do enrolamento da videira, que manifestan a súa sintomatoloxía especialmente tralo verán. Estas patoloxías causan un característico enrolamento das follas cara o envés, ademais dunha maduración heteroxénea da colleita cun menor contido en azucre.

 

Xunto co do enrolamento, a outra das patoloxías máis habituais en Galicia é a derivada do virus do entrenó curto, que se caracteriza por provocar unha importante diminución no rendemento da colleita e por orixinar alteracións na coloración das follas, ademais de orixinar deformacións (entrenós curtos ou bifurcacións) nos bacelos.