Saltar ao contido principal
Xornal

O programa de competencias profesionais EMPRÉGA-T converterá á Universidade nun espazo de aprendizaxe para a empregabilidade

Comeza o vindeiro día 3 en Santiago e, este ano, amplíase ao Campus de Lugo

Actualizada: 29-09-2017 11:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Durante os meses de outubro e novembro a Universidade de Santiago converterase nun espazo de aprendizaxe para a mellora da empregabilidade e o desenvolvemento do potencial emprendedor. Á xa tradicional edición en Santiago, este ano o programa Emprega-T desenvólvese tamén no campus de Lugo. O programa ten recoñecemento académico de 1 crédito ECTS optativo.

O martes 3  terá lugar en Santiago a sesión de apertura, na que se presentará a programación e se desenvolverá xa un primeiro seminario sobre recursos de información para a busca de emprego e programas de prácticas para a iniciación profesional. E se para este non é preciso inscribirse previamente, si o é para o resto de actividades, un trámite que se abrirá en breve para o alumnado. Este seminario volverá realizarse o 6 de novembro en ADE de Lugo.

A esa sesión de apertura, o martes ás 9.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, asistirán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o secretario do Consello Social da USC, Benigno Carril, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a decana da Facultade, Emilia Vázquez.

Formación completa
As actividades de Emprega-T pretenden ofrecer unha formación complementaria aos estudantes nas denominadas competencias brandas, habilidades persoais, sociais e directivas, co fin último de mellorar as súas competencias profesionais de cara a afrontar o seu futuro laboral.

Ás acción dirixidas á formación a través de numerosos seminarios e obradoiros e ao adestramento co exitoso laboratorio de emprego Talent’s Loop súmase agora o novo bloque ‘ Relacióna-T: Universidade na rúa’, con eventos fóra das aulas para seguir aprendendo nun ambiente máis relaxado e animado.