Saltar ao contido principal
Xornal

Pemade sitúa o seu laboratorio na terna de centros acreditados en España pola ENAC para realizar ensaios en madeira estrutural

A Plataforma de Madeira Estrutural do Campus Terra da USC consolida e reforza con esta acreditación a oferta de servizos que presta á sociedade e ás empresas do sector

Actualizada: 29-09-2017 14:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Profesores, investigadores e autoridades políticas no Pemade_Lab da EPS de Enxeñaría da USC

A Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC sitúa o seu laboratorio Pemade_Lab entre os tres centros acreditados en España pola Entidade Nacional de Acreditación e Certificación (ENAC) para a realización de ensaios en madeira estrutural vinculados coa construción. Esta certificación ou garantía externa do traballo realizado no Pemade_Lab e mellora a visibilidade desta plataforma de investigación da USC tanto no plano nacional como na esfera internacional e consolida, ao tempo que reforza, a oferta de servizos que presta á sociedade e ás empresas do sector, segundo indicou o director de Pemade, o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Manuel Guaita.

 

O alcance da acreditación para o sector industrial  con número 1248/LE2380 que vén de acadar o Pemade_Lab da ENAC , segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17025:2005 , engloba tamén a norma UNE-EN 408:2011 + A1:2012, para madeira de serrada e laminada, así como a norma UNE-EN 789:2006, para taboleiros derivados de madeira. O proceso para a obtención da acreditación da ENAC forma parte das múltiples actuacións impulsadas pola Plataforma de Madeira Estrutural do Campus Terra da USC no marco dunha estratexia de crecemento orientada a promover o uso da madeira estrutural e contribuír deste xeito a impulsar o sector forestal en Galicia.

 

Manuel Guaita, sinalou neste senso que a acreditación do Pemade_Lab por parte da ENAC constitúe un fito que permite á Plataforma de Madeira Estrutural da USC dar un salto cualitativo para dar resposta ás demandas do sector da madeira referidas ao emprego deste material na construción. Daquela, Guaita destaca que “contar cun laboratorio acreditado é importante para o sector, xa que xera confianza ter acceso e poder dispoñer un centro con experiencia, que garante a medios materiais, recursos humanos e métodos técnicos de máxima competencia”.

 

A Plataforma da Madeira Estrutural da USC deu a coñecer este venres a acreditación ENAC do seu laboratorio no marco dunha xornada de portas abertas, no marco da que, ademais do acto de inauguración da acreditación ENAC do Pemade_Lab, tamén se organiza se celebrou unha quenda de relatorios sobre as posibilidades que ofrece a madeira como elemento apto para a construción, así como sobre a implicación e cometidos que está a desenvolver Pemade ao abeiro do programa Life Lugo+Biodionámico, liderado polo Concello de Lugo. Este foro serviu asemade para que todas as persoas asistentes puideran visualizar a cuberta Gridshell, unha singular estrutura de madeira realizada en madeira de eucalipto e instalada no frontal sur do edificio da ampliación da EPS de Enxeñaría de Lugo, unha vez que xa remataron todas as obras de colocación.

 

Relatorios

A arquitecta fundadora de ‘The Cambium Design’, María Sánchez Ontín, abriu a quenda de relatorios programados no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría cunha intervención titulada  ‘Construción en madeira: unha oportunidade de futuro’. Ao remate desta exposición, a arquitecta do Concello de Lugo Susana Penedo Souto explicaou as directrices que rexen o programa Life Lugo+Biodinámico, a través do que administración local pretende guiar a capital luguesa cara un desenvolvemento urbano sostible.

 

As actuacións forestais programadas no marco do Life Lugo+Biodinámico centraron a intervención do catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Antonio Rigueiro. O director de Pemade, o tamén catedrático da USC Manuel Guaita, e o xerente de Maderas Besteiro, Mario Carballo, pecharon o programa cunha exposición sobre o desenvolvemento de produtos estruturais con especies forestais de Galicia, láminas reticulares de madeira e madeira contralaminada.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o deputado provincial responsable da área de Goberno Interior e Relacións Institucionais da Deputación de Lugo, Álvaro Santos; o xerente do Clúster da Madeira, José Manuel Iglesias, e o xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo, acompañaron ao director e aos demais integrantes da Plataforma de Madeira Estrutural da USC na estrea da acreditación ENAC acadada polo Pemade_Lab.

 

Unha vez rematada a sesión, todos os asistentes realizaron unha visita ás instalacións do Pemade_Lab, así como ás novas dependencias empregadas como almacén pola Plataforma de Madeira Estrutural da USC que están cubertas pola Gridshell. O reitor da USC, Juan Viaño, tamén participou neste percorrido polas dependencias de que dispón Pemade na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

 

Outras imaxes


Visita a cuberta Gridhsell de eucalipto realizada por Pemade na EPS de Enxeñaría da USC