Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a Universidade mexicana do Mar cooperarán no ámbito cultural, científico e pedagóxico

Actualizada: 29-09-2017 13:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Juan Viaño e o seu homólogo da Universidade do Mar (México), Modesto Seara Vázquez, asinaron este venres 29 un protocolo de cooperación nos ámbitos cultural, científico e pedagóxico. A sinatura do documento celebrouse nun encontro no Despacho Reitoral de San Xerome.

O obxectivo é promover o desenvolvemento e difusión da cultura e, particularmente, o desenvolvemento da ensinanza superior de grao e posgrao, así como a investigación científica e tecnolóxica. Para o seu cumprimento, ambas institucións elaborarán programas e proxectos de cooperación a través de convenios específicos. O acordo terá unha vixencia inicial de catro anos prorrogables automaticamente por períodos iguais.

A colaboración estenderase ao intercambio de profesorado, persoal investigador e alumnado, así como a formación de docentes e investigadores/as, o intercambio de información e documentación e a colaboración na organización de cursos de graos e posgrao. Tamén se abre a posibilidade de realizar de forma conxunta seminarios, conferencias, coloquios, encontros ou xornadas así como publicacións e proxectos científicos.

Universidade do Mar
A Universidade do Mar é unha institución fundada en 1991 e que conta con tres campus (Huatulco, Puerto Escondido e Puerto Ángel). O seu reitor o é tamén do Sistema de Universidades Estatales de Oaxaca (SUNEO), rede de institucións de educación superior coa que a USC asinará proximamente tamén un protocolo de cooperación.