Saltar ao contido principal
Xornal

O prazo para enviar imaxes ao V Certame de fotografía Ruth Matilda Anderson remata o 23 de outubro

Esta é unha iniciativa coa que a USC busca sacar á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade así como deconstruír, na medida do posible, os estereotipos de xénero

Actualizada: 03-10-2017 10:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da convocatoria

Alumnado e ex alumnos/as así como persoal docente, investigador e de administración e servizos poderán concorrer á quinta edición do Certame de fotografía Ruth Matilda Anderson, iniciativa coa que a USC busca sacar á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade así como deconstruír, na medida do posible, os estereotipos de xénero acerca dos traballos considerados propios de mulleres ou homes e motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional.

As fotografías, un máximo de tres por persoa, entregaranse en formato dixital cunha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal e un tamaño A3 ou A4. A temática terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas (visibilización do traballo, mulleres e ciencia, rompendo estereotipos de xénero,...) premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe. O prazo de presentación rematará o 23 de outubro. O xurado seleccionará as doce fotografías de maior calidade técnico-artística, sempre que se axusten á temática establecida na convocatoria.

Financiados polo Concello de Santiago de Compostela, as tres mellores imaxes recibirán outros tantos premios en metálico dotados con 1.000, 800 e 500 euros, respectivamente. Ademais, a fotografía correspondente ao primeiro premio a USC utilizaraa como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres en 2018. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web da Oficina de Igualdade de Xénero.

Ruth Matilda Anderson (1893-1983) foi unha fotógrafa estadounidense que realizou varias viaxes a Galicia das que deixou testemuño a través das súas imaxes. O seu traballo nesta comunidade centrouse nas actividades cotiás dos anos 20, encargo que recibiu da empresa para a que traballaba, The Hispanic Society of America. Coa elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a esta convocatoria, por un lado lémbrase a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes e, por outro, préstase atención á súa destacable obra na que se inclúe o retrato que realizou da muller galega nos anos 20 a través da súa particular mirada.