Saltar ao contido principal
Xornal

Ciencias da Educación explora nun obradoiro os usos didácticos e normalizadores da música e o baile tradicional

Actualizada: 03-10-2017 11:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, organiza un obradoiro para explorar as posibilidades didácticas e normalizadoras da música e o baile tradicional.

Dirixido preferentemente ao alumnado das titulacións que imparte, aínda que está aberto ao resto da comunidade universitaria, o ‘Obradoiro de introdución á pandeireta, música e baile tradicional. Uso didáctico na escola’ vaise celebrar na sede que a Facultade ten no Campus Norte os días 18 e 25 de outubro e 8, 15, 22, 29 de novembro, de 16:00h a 18:00 horas.

O curso é de balde, aínda que cómpre formalizar a inscrición, que xa está aberta ata o 16 de outubro en www.usc.gal/snl/dinamizacion/obradoiro_baile.html, cun máximo de 30 prazas.

Con este obradoiro, ademais de adquirir destrezas básicas da música e baile tradicional, cunha atención preferente aos toques de pandeireta, tamén se reflexionará sobre o seu uso como recurso didáctico na escola en relación con áreas como expresión corporal, a educación emocional, a lingua, etc. Combinará breves exposicións teóricas e práctica de baile centrados na muiñeira, a xota, o pasodobre e o agharrado, nos ritmos de muiñeira noutras danzas do mundo e nos exercicios preparatorios para bailar muiñeira. Tamén será un obxectivo preferente a aprendizaxe de cancións tradicionais galegas que poidan usarse posteriormente nas aulas.

A encargada de impartir o obradoiro é Marta Otero García, mestra especialista en educación musical e membro da asociación de música e baile tradicional Galego ‘Brincadeira’.