Saltar ao contido principal
Xornal

Abriu a inscrición no programa de competencias profesionais EMPRÉGA-T, este ano tamén en Lugo

As actividades comezaron hoxe cun seminario de recursos para a busca de emprego

Actualizada: 03-10-2017 12:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A sesión de apertura do programa tivo lugar este martes en Santiago

Durante os meses de outubro e novembro a Universidade de Santiago converterase de novo nun espazo de aprendizaxe para a mellora da empregabilidade e o desenvolvemento do potencial emprendedor. Á xa tradicional edición en Santiago, este ano o programa Emprega-T desenvólvese tamén no campus de Lugo. O programa, que xa ten abertas as inscricións, ten recoñecemento académico de 1 crédito ECTS optativo.

A sesión de apertura do programa tivo lugar este martes en Santiago nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o secretario do Consello Social da USC, Benigno Carril, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a decana da Facultade, Emilia Vázquez. A continuación, tivo lugar un seminario sobre recursos de información para a busca de emprego e programas de prácticas para a iniciación profesional. Esta actividade volverá realizarse o 6 de novembro en ADE de Lugo.

Formación completa
As actividades de Emprega-T pretenden ofrecer unha formación complementaria aos estudantes nas denominadas competencias brandas, habilidades persoais, sociais e directivas, co fin último de mellorar as súas competencias profesionais de cara a afrontar o seu futuro laboral.

O programa contempla un bloque dedicado á formación, con oito seminarios e obradoiros sobre comunicación, autocoñecemento, posicionamento, prácticas internacionais ou emprendemento, e a exitosa experiencia Talent’s Loop, un laboratorio no que as persoas participantes simularán un proceso completo de busca de emprego.

Aprender fóra das aulas
Ademais, este ano ponse en marcha en Compostela o novo bloque ‘Relacióna-T: Universidade na rúa’, con eventos fóra das aulas para seguir aprendendo nun ambiente máis relaxado e animado. Serán catro eventos nos que os participantes poderán relacionarse con persoas emprendedoras de diferentes sectores que impartirán pílulas formativas e compartirán a súa experiencia. Cada evento finaliza cunha dinámica de networking, na que se trata de fomentar a relación entre todas as persoas asistentes.

No último dos catro eventos os protagonistas serán dez estudantes, previamente seleccionados, que farán unha presentación pública do seu valor profesional ou da súa idea emprendedora dun xeito visual e atractivo, contando para iso cunha titorización individualizada.