Saltar ao contido principal
Xornal

Galicia celebra este curso o 50 aniversario dos estudos de economía na súa universidade

Actualizada: 03-10-2017 13:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Salón Nobre de Fonseca acolleu o acto inaugural da celebración dos 50 anos dos estudos de economía en Galicia, impulsada pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago. O curso 1967-68, hai medio século, foi o da apertura do centro compostelán, fito que serve como punto de partida destes estudos no país.

O evento contou coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey; o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; os ex presidentes da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; e a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez Rozas.

Todos os intervintes coincidiron en subliñar o papel protagonista da Facultade compostelá no devir político e social das últimas décadas da nosa comunidade. “A Galicia de finais dos 60 non é a Galicia de hoxe, e nesa transformación económica e social foi sen dúbida crucial este centro”, dixo o reitor. “Seguramente os nosos concidadáns –continuou– terán gozado dos froitos do traballo do profesorado e ex alumnado en prol da mellora na xestión turística como motor económico de Galicia, na modernización da organización empresarial ou na economía sostible”.

González Laxe, alumno da terceira promoción, referiuse a iso mesmo ao afirmar con rotundidade: “se alguén quere ser responsable político, estudando nesta Facultade ten unha probabilidade do 50% de selo”. “Foi nese centro, referente educativo e social para toda a sociedade, onde como tantos outros me formei e aprendín a pensar”, dixo, á vez que lembraba formar parte dunha “promoción itinerante” que comezou no Burgo, pasou polo Campus Sur e rematou no Colexio de Fonseca.

Pola súa banda, Pérez Touriño destacou no acto os tempos precarios de hai 50 anos, “unha precariedade que era substituída pola paixón do profesorado e o estudantado e da que hoxe somos herdeiros”. O ex presidente da Xunta de Galicia e alumno da primeira promoción dixo ademais aspirar a que a economía “vaia hoxe polo camiño do compromiso social”.

O acto finalizou coa intervención do catedrático ad honorem da USC José Carlos de Miguel, o profesor máis antigo do centro, e da tamén catedrática ad honorem María Carmen Guisán, que finalmente non puido asistir e delegou a lectura do seu discurso na profesora Maite Cancelo. Aos dous o reitor agradeceulles a súa "dedicación incansable".

Programa de actividades
Ao longo de todo este curso 2017-18, un programa con numerosas actividades fomentará o debate arredor da disciplina e porá en valor a traxectoria da Facultade compostelá.

Como evento máis inmediato, o xoves 5 e o venres 6 de outubro chegará o Coloquio Ibérico de Economía Social, organizado por CIRIEC Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa e o Centro de Estudos Cooperativos CECOOP en colaboración coa Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

No marco do 50 aniversario están previstas outras citas destacadas como o congreso “50 anos da Economía Galega”; o Encontro entre profesores de economía e empresa de ensino medio e superior; unha nova edición dos Premios Crearte na Universidade; a reunión da Confederación Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa; a fase final da X Olimpíada Española de Economía; o programa Emprega-T; a 12th Regional Innovation Policies Conference; o Foro de Emprego Compostalent – AIESEC; o Coloquio Ibérico de Economía Social, ou o V Encontro Internacional de Mozos Emprendedores.


Outras imaxes