Saltar ao contido principal
Xornal

O alumnado da USC poderá validar un crédito pola asistencia ao ciclo ‘Ollos verdes. O cinema inédito de Numax’

Actualizada: 04-10-2017 11:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do ciclo que arranca o próximo luns 9

O ciclo ‘Os ollos verdes. O cinema inédito de Numax’ reúne unha coidada selección de filmes cun destacado percorrido en festivais internacionais pero que nin foron estreados nin teñen prevista a súa proxección en salas comerciais de España. A través dun acordo coa vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, o alumnado de grao da USC que asista durante este curso a doce ou máis proxeccións deste ciclo poderá validar a súa asistencia cun crédito ECTS de 25 horas. Tamén será preciso elaborar algún contido específico, cunha extensión mínima de 5.000 caracteres, que teña relación con calquera aspecto do ciclo: un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga o programa con enfoque informativo, algún achegamento analítico,....

‘Os ollos verdes’ nace do compromiso do Cinema Numax con obras que a pesar de ocuparen un lugar relevante no actual panorama cinematográfico non contan con distribución comercial. Neste curso 17/18 a sala compostelá decidiu agrupar unha selección destas obras nun ciclo de proxeccións cun total de 15 estreas de importancia internacional. As proxeccións celebraranse un luns en sesión de serán cun mínimo de tres proxeccións diferentes.

O programa do ciclo estenderase entre outubro de 2017 e xuño de 2018 no Cinema Numax (r/ Concepción Arenal, 9). As estreas xa confirmadas para o último trimestre do ano arrancarán o próximo luns 9 coa proxección de 'Abrir puertas y ventanas’ (2011) de Milagros Mumenthaler e continuará o 30 de outubro con ‘Le parc’ (2016) de Damien Manivel. O 27 de novembro estrease a cinta de 2016 de Tyler Hubby titulada  ‘Tony Conrad: completely in the present’ e o 11 de decembro a de 2015 de Pablo Hernando ‘Berserker’.