Saltar ao contido principal
Xornal

O Colexio de Veterinarios de Lugo distingue o “bo facer” da Facultade de Veterinaria da USC co Premio de Benestar Animal

O decano do centro universitario, Germán Santamarina, sinala que “o benestar animal é unha premisa transversal da actividade docente, clínica e de I+D da Facultade”

Actualizada: 04-10-2017 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Facultade de Veterinaria da USC

O Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo distingue o “bo facer” da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC co Premio de Benestar Animal, un galardón instaurado polo órgano colexiado en 2016 e a través do que pretende recoñecer  o traballo e as contribucións a prol da mellora do benestar animal promovidas ou impulsadas desde as institucións.

 

A presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, Ana María López Pombo, presidiu este mércores o acto de entrega do da segunda edición do Premio de Benestar Animal, no marco dunha sesión celebrada na sede colexial e á que asistiron, entre outros, o decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, o profesor Germán Santamarina, a vice decana do centro, Patricia Fernández de Trocóniz, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, o tamén veterinario Andrés Barreiro Lois.

 

Santamarina manifestou na súa intervención o sentimento de gratitude da Facultade de Veterinaria da USC polo recoñecemento feito polo Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo coa concesión dun galardón que na súa primeira edición recaeu no Servizo de Protección da Natureza (Seprona).

 

O decano da Facultade de Veterinaria salientou, non obstante, que o benestar animal constitúe, alén dunha obrigatoriedade normativa, unha premisa transversal que se percibe en todas en cada unha das actividades docentes, clínicas e mesmo de I+D+i que se desenvolven no centro universitario lugués.